DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da programación do festival Tangaraño Cultural Sobradelo

O coro do campus retoma as súas actuacións cun concerto na colexiata de Xunqueira de Ambía

Nel recitaron poemas de Xela Arias e Carvalho Calero

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 31/05/2021

Con emoción e moitas ganas, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum retomou este sábado os seus concertos despois dun longo período de parón provocado pola pandemia da covid-19. Foi na colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía, nun concerto no marco da programación do festival Tangaraño Cultural Sobradelo. Nel, as persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas dos dous últimos anos, Xela Arias e Carvalho Calero, tiveron un protagonismo destacado.  

O concerto levou por título Saudade dunha voz: cantos para os homes dos ríos de son e vento e foi “unha homenaxe aos escritores Ricardo Carvalho Calero e Xela Arias, con dez poemas e varias cancións en galego, portugués, brasileiro e suahili”. As pezas foron interpretadas polas e polos coralistas do coro, que está dirixido por Ruth González, acompañados por Miguel Sáez no piano, Patricia no djembé, Hans Maslanka no acordeón e Adrián Rey na guitarra. A actuación foi retransmitida virtualmente pola organización do festival, estando restrinxida a asistencia de público, e foi presentada por Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; José Luis Gabilanes, alcalde de Xunqueira de Ambía, e Rochi Nóvoa, do festival. O concerto formou parte do terceiro sábado de programación da VIII edición do certame Tangaraño Cultural Sobradelo, que chegou a Xunqueira de Ambía despois de facer parada en Vilar de Barrio e Baños de Molgas nas anteriores sesións.