DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este espazo acolle este mércores un mercado de ilustracións de fanzines

As creacións do alumnado de Belas Artes achéganse ao Sanatorio

Promovido pola profesora Silvia García, que impartirá un taller sobre autoedición

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 28/06/2022

Un exercicio sobre autoedición que a profesora da Facultade de Belas Artes Silvia García leva a cabo co alumnado da materia Produción artística: Imaxe II constituíu o punto de partida do pequeno mercado de obra gráfica que na tarde deste mércores acollerá o espazo cultural O Sanatorio, na rúa Andrés Muruais. Entre as 18.00 e as 20.30 horas, preto de 15 alumnos e alumnas da facultade presentarán e porán á venda ilustracións e fanzines que, en boa medida, naceron no marco da materia que dá lugar a un evento ao que García deu o nome de Por fin, fin de curso e que impulsou coa idea de, “vendo os traballos de autoedición que xurdían neste exericcio”, tratar de dar a coñecer as creacións do alumnado fóra da facultade.

Organizado coa colaboración deste espazo de coworking, este mercado verase complementado polo “mini curso” Activar o arquivo, no que García afondará na creación de libros de artista ou fanzines tomando como punto de partida materiais pertencentes a arquivos familiares ou documentos aparentemente efémeros. Seguindo a liña de traballo que esta artista e docente centra no “rastro material” que deixan as vidas de cada persoa, esta actividade porá o foco como “nunha época na que vivimos rodeados de imaxes, que cada vez se consumen máis rápido”, aquilo que “permanece nos arquivos, desde os papeis mais efémeros”, que achegan “pequenas historias cotiás”, poden converterse en materiais cos que crear obras como libros de artista. Aberto a todas as persoas interesadas, trátase dun curso de carácter gratuíto, para o que é posible inscribirse a través do correo electrónico activaroarquivo@gmail.com, que combinará un achegamento a artistas que traballan “sobre a memoria das cidades” a partir de arquivos familiares ou históricos, con actividades prácticas que permitan ás persoas participantes experimentar coas posibilidades creativas de documentos ou imaxes “que permanecen ocultos” nesta época de “acumulación de imaxes”, como sinala García.