DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirección e Xestión Pública inaugura o curso explorando o papel da intelixencia artificial no futuro

Cunha conferencia do catedrático da Pompeu Fabra Carles Ramió

Poderá seguirse tanto de xeito presencial como virtual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 05/10/2021

2020-2030, una década crucial para renovar la administración pública é o título da conferencia que o catedrático da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona Carles Ramió impartirá este xoves no acto de apertura académica dos estudos de Dirección e Xestión Pública. “Ramió leva xa anos traballando en cuestións de prospectiva e é un dos maiores expertos sobre temas de administración pública, intelixencia artificial e robótica”, salienta Enrique Varela, decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública. “Quixemos recuperar, en clave de facultade, a organización dunha lección inaugural e outra de clausura”, engade Varela, que destaca o interese de centrar esta conferencia en “declinar en clave de administración” os cambios que en materia de xestión de procesos, de recursos humanos ou económica está a producir “todo o que ten que ver coa intelixencia artificial, a robótica ou simplemente co que antes chamabamos novas tecnoloxías”.

No marco do proceso de creación desta facultade, que agrupará o grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, avogouse, como explica Varela, por “recuperar” esas leccións inaugurais e finais, que servisen “para marcar eses tempos académicos e reunir toda a comunidade do grao, do máster, antigos alumnos”, entidades colaboradoras... Con ese obxectivo, organizaron no mes de xuño unha conferencia do secretario xeral do Centro Latinoamericano de Administración para el Desarrollo (CLAD), Francisco Javier Velázquez, que serviu para clausurar o curso 2020-2021. Esta iniciativa ten agora como continuidade o relatorio de Ramió, que contará coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, e que se desenvolverá “nun formato híbrido”, como salienta Varela. Por unha banda, o alumnado poderá asistir á conferencia no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, sendo precisa inscrición previa por cuestións de aforo, e a súa intervención poderá seguirse en directo, a partires das 17.00 horas, a través de UVigo TV.

As administracións, ante un escenario de cambios

Catedrático de Ciencia Política e da Administración e profesor tamén no Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, Ramió é “unha das persoas con maior proxección no campo da xestión pública en España e América Latina”, autor de numerosas publicacións, entre as que Varela destaca o seu recente libro Inteligencia artificial y administración pública. “Pese a que xa esteamos traballando en moitas administracións con esas lóxicas, aínda falta moito por desenvolver e el pode avanzarnos este tipo de escenarios”, salienta dun relatorio que buscará incidir nos “marcos xerais de cambio” que o seu desenvolvemento poden implicar nos próximos anos “tanto na parte máis operativa, que é a dimensión tecnolóxica, pero tamén na de recursos humanos ou na de procesos, en como se estruturan as novas organizacións”. 

Unha facultade “híbrida”

“O que pretendemos con estas leccións de apertura e clausura é que sexan presenciais, porque somos unha Universidade presencial, pero que teñan tamén esa dimensión virtual”, salienta Varela, que incide no carácter “híbrido” da futura facultade, que acollerá un grao que conta cunha modalidade presencial e outra virtual. Como lembra, Dirección e Xestión Pública converteuse o pasado curso “no primeiro grao virtual de Galicia”, que se suma “á experiencia dun mestrado que se imparte online desde hai máis de dez anos e que está plenamente consolidado”, o de Dirección Pública e Liderado Institucional. Nese senso, destaca como “moi digno” o arranque da modalidade virtual que implicou un “gran desenvolvemento interno e de docencia” e que no presente curso cubriu as súas 20 prazas de novo ingreso, tanto con estudantado galego, “como de Madrid, Córdoba ou Valencia”. 

Tras o seu paso polos órganos de goberno da Universidade, a memoria de creación desta nova facultade atópase agora pendente da súa aprobación por parte do Consello Galego de Universidades, Consello da Xunta, a súa publicación no DOG e comunicación á Conferencia General de Política Universitaria.