DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A diplomatura que precedeu o actual grao botou a andar no curso 1999/2000

Un curso por diante para celebrar os 25 anos de estudos de Dirección e Xestión Pública na UVigo

Ao abeiro deste aniversario, a facultade promove diferentes actividades formativas e divulgativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 13/11/2024

Aínda que a Facultade de Dirección e Xestión Pública constituíuse como tal no ano 2022, os estudos de dirección, xestión e administración pública na Universidade de Vigo atesouran xa un cuarto de século de traxectoria. Os seus inicios remóntanse á implantación, no curso 1999-2000 da extinta diplomatura en Xestión e Administración Publica na antiga Facultade de Ciencias Sociais. Coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, esta titulación foi reemprazada polo actual Grao en Dirección e Xestión Pública, titulación que no curso 2020-2021 se convertía no primeiro grao do Sistema Universitario de Galicia en contar cunha modalidade virtual. Tanto esta titulación, como o mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional conforman a actual oferta formativa dunha facultade que neste curso 2024/2025 celebra os 25 anos de traxectoria destes estudos na UVigo. Con ese obxectivo, deseñou un programa de actividades formativas e divulgativas, presentadas este mércores polo decano, Enrique Varela, e a presidenta da Delegación de Alumnado, Milagros Hurtado.

“Levamos aquí desde o ano 1999 e iso é un feito histórico”, sinalou Valera no inicio deste acto, no que lembrou que estes 25 anos de traxectoria son o resultado “do traballo de moita xente” e que é a implicación de profesorado, alumnado e persoal de administración de servizos as que fan “que as institucións se sosteñan ao longo do tempo”. Nese senso, o decano puxo en valor a participación da Delegación do Alumnado na programación presentada nesta xornada, coincidindo coa celebración da primeira das actividades abertas á cidadanía. As actividades deste 25 aniversario, sinalou, continuarán con novas propostas no segundo cuadrimestre e buscan servir como punto de encontro “con diferentes colectivos sociais, empresariais e institucionais”, así como achegar ao centro “persoas relevantes nos seus respectivos eidos e que manteñen coa relación coa facultade e os estudos de Dirección e Xestión Pública desde hai máis de dúas décadas”.

Propostas presenciais e virtuais nunha facultade “híbrida”

Tras a creación da facultade en 2022, pasaron a depender deste centro dúas titulacións previamente adscritas á antiga Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o Grao en Dirección e Xestión Pública, que desde 2020 combina unha modalidade presencial con outra de carácter virtual, e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, que se imparte de forma virtual desde hai máis dunha década. Ese carácter “híbrido” dos estudos que se imparten neste centro vese reflectido nun programa de actividades que poderán seguirse tanto de xeito presencial como a través de Campus Remoto. Ese foi o caso da conferencia sobre cooperación ao desenvolvemento sostible impartida nesta xornada pola profesora investigadora do Observatorio da Gobernanza G3 e técnica do Grupo Emaús Fundación Social Virginia Romero. Promovida pola Delegación de Alumnado, buscou achegar o público asistente os seus instrumentos, actores e metodoloxía, a través dunha actividade “enfocada como un xogo de rol”, como explicou Hurtado. 

Tamén da man da delegación de estudantes, o Liceo Casino acollerá o 3 de decembro o relatorio O aforro e a xente nova: unha aspiración do século XXI, que será impartida polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Anxo Bastos. Á semana seguinte, o luns 9, terá lugar a conferencia de apertura académica do curso 2024/2025, La política en los tiempos de la polarización, a cargo do catedrático da Universidade de Girona Salvador Martí. Dous días despois, a programación deste cuadrimestre pecharase cun coloquio que reunirá diferentes deportistas federados que son tamén estudantes do grao, co obxectivo de afondar na importancia destes estudos na súa vida profesional, así como efectuar unha “homenaxe” a ese “dobre esforzo” do estudantado deportista, salientou Varela. 

Formación e investigación

A programación deste 25 aniversario abrangue tamén unha serie de actividades formativas para o alumnado, como as xornadas Captación de talento na función pública, promovidas xunto coa Área de Emprego e Emprendemento, e que se desenvolven ao longo deste mes de novembro co obxectivo de achegar o alumnado da UVigo diferentes opcións laborais en institucións públicas como a Administración Xeral do Estado ou a Unión Europea. Así mesmo, na presente semana desenvólvese tamén o seminario Dixitalización dos servizos públicos, que, ademais de na programación deste 25 aniversario, enmárcase tamén nas actividades da Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens. Adapting the EU to the Digitalisation Challenges, que dirixe o profesor da facultade Celso Cancela.

Por outra banda, a difusión da actividade investigadora é o eixe de actividades, como a mesa de análise Prácticas transfronteirizas comparadas, promovida este martes polo único grupo de investigación adscrito á facultade, o Observatorio da Gobernanza G3. Tamén de carácter híbrido, este encontro contou coas intervencións de Varela e Cancela,  da profesora da Universidad Complutense de Madrid María Lois e do investigador chileno Haroldo Dilla Alfonso, da Universidad Arturo Prat, e permitiu tanto analizar diferentes realidades fronteirizas, tanto na ‘raia’ entre Galicia e o Norte de Portugal, como en América Latina, como coñecer o traballo desenvolvido por estes expertos en proxectos de investigación financiados tanto polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades español como pola Agencia Nacional de Investigación y Desarollo de Chile.

Impulso ao primeiro proxecto Stembach

Ademais dos actos do 25 aniversario, Dirección e Xestión Pública acollía tamén nas últimas horas unha xuntanza con docentes do IES de Rodeira, de Cangas, dirixida a abordar a posta en marcha do primeiro proxecto do Bacharelato de Excelencia STEMABach nesta facultade. Nel, as e os estudantes deste instituto levarán a cabo unha investigación sobre a participación do alumnado de secundaria do Morrazo en proxectos de mobilidade internacional da Unión Europea.