DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres clausurouse a décima edición desta iniciativa

O Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas de Alzhéimer forma a unha vintena de estudantes

Froito da colaboración da Facultade de Educación e Traballo Social, Afaor e a Fundación Dorzán

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 25/03/2022

Cada ano, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle a celebración dunha nova edición do Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas de Alzhéimer, unha iniciativa froito da colaboración da Universidade de Vigo, a Asociación de Alzhéimer de Ourense (Afaor) e a Fundación Dorzán. Este venres, unha vintena de estudantes remataron a súa formación, destinada a dar unha mellor atención ás persoas que padecen alzhéimer, un trastorno neurolóxico progresivo caracterizado pola perda da memoria, da percepción e do sentido da orientación; unha enfermidade incurable e terminal que, polas súas características, non só padecen as persoas afectadas senón tamén a súa contorna, especialmente as familias.

Traballo difícil pero gratificante

Na clausura desta edición e entrega de diplomas, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, agradeceu e salientou o feito de que “xa son moitos anos colaborando” nesta iniciativa que, indicou, aborda “un dos desafíos máis importantes que temos na nosa sociedade”, facendo referencia ás necesidades froito do envellecemento da poboación, especialmente na provincia de Ourense. “Con estes cursos de formación agardamos ter contribuído a esa formación necesaria para atender mellor as necesidades das persoas con alzhéimer, para que teñan mellor calidade de vida e maior benestar”, dixo. Igualmente, o responsable académico chamou a atención sobre o feito de que as 20 persoas inscritas nesta edición do curso son mulleres e subliñou a importancia de que “os homes tamén asuman os coidados”.

Pola súa banda, María Dapía, profesora do facultade e coordinadora do Curso de Intervención Socioeducativa con Persoas Afectadas de Alzhéimer, salientou a pertinencia e relevancia desta formación e lembrou como por exemplo as e os educadores sociais están integrándose cada día máis no traballo con persoas con alzhéimer. Por este motivo, amosou o seu desexo de que a iniciativa teñan continuidade en vindeiras edicións e que nela se sigan formando profesionais neste ámbito específico de atención.

Sara Ruíz, membro da xunta directiva de Afaor, sumouse aos agradecementos ás persoas e entidades que fan posible esta iniciativa e á satisfacción polos resultados acadados. Ao alumnado participante recalcoulle que “o coñecemento e a aprendizaxe dura toda a unha vida” e que “espérase de vós que a vosa calidade humana supere con creces os vosos coñecementos”. Como profesionais do eido social, díxolle que “as vosas armas vitais van a ser a empatía, o cariño, o afecto...” e que que se van a rodear “de xente para as que un sorriso, unha mirada ou un xesto ten un valor incalculable. Tédeo en conta”. “Ninguén di que vaia a ser unha labor fácil, o que si vos podo garantir é que tendes a sorte de que vai a ser un labor moi gratificante”, recalcou Sara Ruíz. Por último, José Manuel López, xerente da Fundación Dorzán, sumándose a estes agradecemento e valoracións destacando como esta foi a décima edición dun curso que, recalcou, “ten un éxito notable e vamos a seguir apostando pola súa continuidade”. “O que desexamos desde a Fundación Dorzán é que os coñecementos adquiridos sirvan para mellorar o coidado das persoas con alzhéimer e en consecuencia mellorar a calidade de vida das persoas maiores”, afirmou durante a súa intervención ao alumnado presente.

Formación e prácticas

Durante os últimos meses, cada venres as persoas inscritas no curso, declarado de interese sanitario pola Xunta de Galicia, adquiriron coñecementos sobre a enfermidade de alzhéimer, sobre os tratamentos farmacolóxicos, os recursos institucionais, o tratamento legal, o papel das familias nesta enfermidade ou a bioética. Expertos en cada unha das materias, moitos deles traballadoras e traballadores de Afaor, foron os encargados de impartir a docencia de 40 horas do curso, docencia que logo se complementou coa realización de 20 horas de prácticas na sede de Afaor en Ourense, que titorizou ao alumnado participante.