DUVI

Diario da Universidade de Vigo

30 estudantes poderán asistir en persoa e 85 en liña 

O Curso de introdución á bolsa combinará presencialidade e virtualidade na súa 19ª edición 

O prazo de inscrición e matrícula remata o 25 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 07/10/2021

Logo do éxito acadado o ano pasado, no que a cifra de persoas matriculadas en liña acadou as 71, o Curso de introdución á bolsa da Escola de Estudos Empresariais da UVigo combinará na súa 19ª edición as modalidades presencial e virtual. “Impartirémolo presencial para os 30 primeiros matriculados, e o resto, ata un máximo de 85, será non presencial. Apostamos polo ensino presencial sempre, é moito máis dinámico”, sinala o docente e investigador José Luis Saez Ocejo, que xunto a Trinidad González-Portela Garrido dirixe esta iniciativa de formación da Vicerreitoría de Formación Académica e Profesorado, na que ao contrario doutros cursos, é máis barata a matrícula para o alumnado que lle dea prioridade á asistencia en directo.

Preto de acadar os 20 anos de existencia, o Curso de introdución á  bolsa renova nesta edición o seu obxectivo principal, que pasa por que as persoas asistentes incrementen a súa cultura financeira, familiarizándose cos conceptos relacionados coa bolsa de valores. “O curso é introdutorio e vanse ver diversos temas bursátiles relacionados con estratexias de compra venda, de tipo fiscal, do funcionamento interno da bolsa e a análise gráfica de charts e figuras bursátiles”, enumera Saez Ocejo, que lembra que o curso empeza de cero, e aínda que ter coñecementos previos permite sacarlle maior aproveitamento. “As e os docentes saben que o alumnado é moi heteroxéneo e por iso utilizan unha linguaxe clara e sinxela sen perder un ápice de profundidade no tema”, explica o docente da EU de Estudos Empresariais.

O curso, que terá unha duración de 30 horas, e que se pode convalidar cun crédito ECTS, impartirase entre os días 25 de outubro e 4 de novembro. O prazo de inscrición e matrícula finaliza o mesmo día de inicio da formación e o alumnado que se inscriba de xeito presencial e pertenza a graos e mestrados oficiais da UVigo, poderá beneficiarse dunha rebaixa do 40% do importe total, pagando 60 euros, en base á axuda concedida pola Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo. As persoas que se matriculen na modalidade non presencial abonarán o 100% da matrícula, 100 euros se son membros da UVigo e 120 se son persoas alleas á institución.

19 anos, toda unha vida

Logo de case 20 anos de existencia, os responsables do  Curso de introdución á bolsa aseguran “seguir coa mesma ilusión que os primeiros días. 19 anos é toda unha vida, pero máis que un grupo de profesores e profesoras, somos un grupo de amigos que seguimos nisto porque nos gusta a docencia”, asegura o director, agradecido á Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo pola súa axuda económica, que permite a persoas matriculadas en graos e mestrados oficiais da UVigo aforrarse unha parte da matrícula das taxas do curso. 

Durante estes anos, o perfil básico do alumnado era estudantes dos graos de Comercio e Administración e Dirección de Empresas, “aínda que cada vez se matriculen máis persoas que non teñen relación coa Universidade e queren incrementar a súa educación financeira”, explica Saez Ocejo. Así mesmo, estes últimos anos, o director do curso confirma que se está a matricular bastante alumnado dos graos de Enxeñaría, “de calquera xeito, calquera persoa con poucos ou nulos coñecementos sobre bolsa, sae satisfeito. Dous feitos o corroboran: levamos xa 19 anos impartindo o curso e ademais as enquisas de satisfacción, así o confirman”.