DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contou con dez sesións desde o pasado 18 de marzo

O curso Jean Monnet sobre o Pacto Verde Europeo remata a súa actividade

A UE como líder ambiental global centrou a última das súas conferencias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 27/05/2022

Este venres pechouse na Facultade de Dereito do campus de Ourense o curso Módulo Jean Monnet: Pacto Verde Europeo. Análise e Perspectivas. Na última das dez sesións que conformaron esta acción formativa, que contou con financiamento da Unión Europea, abordouse o papel da UE como líder ambiental global.

Este seminario supuxo o inicio das accións do Módulo Jean Monnet The European Green Deal. Analysis and insights (GREENDEAL+A+I), coordinado por Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e investigadora do grupo MEDEA-Iuris. Ao abeiro deste módulo, que ten unha duración de tres anos, organizarase cada ano unha edición do curso agora finalizado, ademais de outras actividades complementarias e dirixidas a un público máis específico. O curso foi ademais froito da colaboración entre as áreas de Dereito Internacional Público e Dereito Administrativo da Facultade de Dereito ourensá.

Coñecer e fomentar o debate

Tanto o módulo como concretamente o curso que rematou este venres comparten os mesmos obxectivos de dar a coñecer e fomentar o debate sobre a política e o dereito ambiental da Unión Europea no marco do Pacto Verde Europeo e as súas principais estratexias temáticas. Esta estratexia da UE, indicaron desde a organización da actividade, pretende protexer, conservar e mellorar o capital natural da Unión Europea e protexer a saúde e o benestar da cidadanía dos riscos e dos impactos relacionados co medio ambiente. O Pacto Verde Europeo tamén forma parte da estratexia da Comisión Europea para aplicar a Axenda 2030 das Nacións Unidas.

Ao longo do curso Módulo Jean Monnet: Pacto Verde Europeo. Análise e Perspectivas, de 40 horas de formación presencial, profesorado de distintas universidades españolas especialistas na materia analizaron os principais contidos e desenvolvementos deste pacto que guiará a acción ambiental no ámbito europeo nos próximos anos. A programación da iniciativa desenvolveuse en dez sesións que tiveron lugar cada venres entre o 18 de marzo e o 27 de maio na Facultade de Dereito do campus de Ourense e contaron coa participación de profesorado principalmente da Universidade de Vigo pero tamén das universidades de Valladolid, Murcia e Barcelona.

Retos mundiais

Para rematar a programación, este venres o curso contou coa participación de Belén Sánchez, profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, e da propia Laura Movilla, que falaron da UE como líder ambiental global. Nela, explicouse como os retos mundiais en materia de clima e medio ambiente constitúen “un importante multiplicador das ameazas e unha fonte de inestabilidade”. A transición ecolóxica, apuntou Laura Movilla, “reconfigurará as relación xeopolíticas, incluídos os intereses económicos, comerciais e de seguridade a escala mundial, o que creará desafíos para unha serie de estados e sociedades”. Neste contexto, comentou a docente, “a UE traballará xunto con todos os seus socios para aumentar a resiliencia climática e medio ambiental co fin de evitar que esas tensións desencadenen conflitos, inseguridade alimentaria, desprazamentos da poboación e migracións forzosas”. As implicacións da política climática, engadiu, "deben converterse en parte integrante da reflexión e a acción da UE sobre asuntos exteriores, tamén no contexto da política común de seguridade e defensa”.