DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar do 27 ao 30 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel

O Curso de Medios Audiovisuais celebrarase este ano ao abeiro do Festival de Cine de Ourense

Celanova seguirá acollendo a gravación da peza que en cada edición realiza alumnado da UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 16/09/2021

No marco da programación de extensión universitaria do campus de Ourense, volve a celebrarse este mes o Curso de Medios Audiovisuais (Cemac 2021), que nesta ocasión traslada a súa celebración de Celanova á cidade de Ourense. A cita terá lugar do 27 ao 30 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, levándose a cabo ao amparo do Festival de Cine de Ourense. Celanova seguirá acollendo a gravación da peza audiovisual que en cada edición realiza alumnado da UVigo.

O curso está promovido pola Fundación Carlos Casares, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense e conta coa colaboración de Agadic. Baixo a dirección dos profesores de Comunicación Audiovisual da UVigo Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, a actividade leva por título nesta ocasión Rodado en Ourense. Desafíos do audiovisual galego. A iniciativa foi presentada este xoves na Deputación de Ourense por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Francisco Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Judith Fernández, xefa territorial da Consellaría de Cultura, e Paullino Pérez, codirector do Cemac 2021.

Coñecer as últimas producións

A actividade lévase celebrando en Celanova dende o ano 2004, coa única excepción do ano pasado por mor das medidas de loita contra a covid-19. Despois do paréntese de 2020, a iniciativa volve á palestra cunha edición “ao abeiro ou no ronsel do OUFF Festival Internacional de Cine de Ourense, para concentrar esforzos e obter sinerxías significativas”. A edición deste ano, indican desde a súa organización, continúa “na liña temática iniciada hai 17 anos co curso Cine e Literatura. Casares e o Cine, e que vén reunindo a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas”. O Cemac 2021, engaden, “centrarase en analizar as singularidades da ficción audiovisual a través de exemplos específicos e de éxito, tendo en conta a situación actual e co marco de Ourense como principal referencia”. Así, como en edicións anteriores, a programación achegarase ás últimas producións audiovisuais galegas de man de membros dos seus respectivos equipos, sendo nesta ocasión protagonistas as producións Melancolía, Live is Life, Cuñados ou Valentina.

Tamén se celebrará, por décimo ano, o Taller Audiovisual Plató de Ficción, baixo a dirección do profesor Paulino Pérez e no que alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo produce unha peza audiovisual. O taller, sinalan os seus responsables, realizará a súa peza audiovisual número once rodando en Celanova, tal e como fai dende 2010 e coa única excepción do ano pasado debido á pandemia.