DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola acolle este martes a primeira sesión dun módulo de sensibilización  

Un curso para o que o alumnado de Enfermaría leve a perspectiva de xénero á práctica profesional

Promovido pola Deputación e impartido pola asociación Apaioga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/11/2020

Formar ao alumnado da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á Universidade de Vigo, na importancia de contribuír á ruptura de estereotipos e prexuízos de xénero, así como achegarlles información sobre igualdade de oportunidades, discriminación e violencia de xénero e proporcionarlles coñecementos e ferramentas para facilitar a reflexión autocrítica e promover actitudes feministas. Estes son os obxectivos do Módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e perspectiva de xénero, que a escola acolle mañá, martes 17, e o 1 de decembro. Promovido pola Deputación de Pontevedra, a través do seu servizo de igualdade, o curso será impartido pola presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades de Galicia (Apaioga), Mercedes Renda. 

O sistema sexo-xénero, a discriminación como fenómeno estrutural, os roles e estereotipos, as estruturas de xénero, as violencias machistas e a incorporación da perspectiva de xénero á práctica profesional da enfermaría centrarán os contidos deste módulo de oito horas, divididas en dúas sesións, ao que asistirán 16 alumnas e alumnos.