‘Ausencia’ de Gema Rodríguez acadou o tanto o premio Novas Camadas como o do xurado da mocidade
A curta dunha alumna de Belas Artes, premiada no Festival de Cans
Seis estudantes da facultade presentarán as súas pezas na Mostra de Cinema Periférico S8
Nacida como traballo para unha materia do Grao en Belas Artes, a curtametraxe Ausencia, da estudante Gema Rodríguez, foi dobremente premiada no XXIII Festival de Cans. Xurdida, explica, da “necesidade de trasladar o dó ante a morte dun familiar”, a súa creación proclamábase gañadora da sección Novas Camadas, que este festival dedica aos creadores e creadoras menores de 25 anos, á vez que acadaba tamén o Premio do Xurado da Mocidade, outorgado por un grupo de mozos e mozas desta aldea do Porriño.
A través de “fragmentos dunha cinta de vídeo de arquivo familiar e de imaxes desenfocadas”, Rodríguez buscou na súa curta tanto “plasmar ausencia” como a “ferida” que supuxo esta perda. De aí que vexa este galardón como “o final a un proceso persoal de catarse”, ademais de como un valioso recoñecemento á hora de “empezar a formar parte deste mundo do cine no que me gustaría seguir”. Resultado dun traballo “no que tiñamos que facer un vídeo autobiográfico”, explica, Ausencia exhibiuse publicamente por primeira vez na anterior edición do (S8), a Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, no marco da sección Paraíso, que cada ano presenta unha escolma de pezas realizadas polo alumnado da facultade, baixo a coordinación da profesora Xisela Franco.
Tras esa experiencia, o Festival de Cans supuxo a segunda exhibición pública e o primeiro premio para o traballo de Rodríguez, que participaba na noite do sábado no acto de entrega de galardóns. Tras formar parte das once curtas seleccionadas para o apartado Novas Camadas, un xurado integrado pola directora canadense Andrea Bussmann, a produtora e actriz Ana Luisa Martínez e a cineasta e montadora Paula Veleiro outorgou a Ausencia o premio principal desta sección, “por dar forma ao dó cunha delicadeza e unha claridade emocional extraordinarias, a través de fragmentos de memoria, transformando o arquivo familiar nun espazo vivo de amor, loito e resistencia ao esquecemento”, segundo informaron desde o festival. A súa curta acadou tamén o premio outorgado polo Xurado da Mocidade, pola súa “forma de transmitir a emoción pola falta dun ser querido e por expresala a través de vellas imaxes do arquivo familiar, buscando unha narración arriscada e diferente”, destacaron.
Ademais de Ausencia, nesta 23 edición do Festival de Cans tamén foi recoñecida a curtametraxe Furada negra, dirixida polo profesor de Belas Artes Berio Molina, que acadou unha mención especial na categoría de non ficción Furacáns.
As creacións do alumnado proxectaranse no (S8)
Como aconteceu o pasado ano coa peza de Rodríguez, outras seis curtametraxes do alumnado da facultade formarán parte neste 2026 da programación da XVII Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (S8). Na sexta edición do encontro Paraíso, exhibiranse as pezas ideadas por Claudia Fandiño, Naiara Vila, Xulia García Pintos, Isabella Moreno, José García Estévez e Raúl Díaz, como traballos para dúas materias do Grao en Belas Artes. Inserida nas iniciativas do laboratorio do festival eSe8_LAB, que busca servir como “incubadora de cinema experimental”, sinalan desde a organización, para a sexta edición de Paraíso foron seleccionadas 15 pezas, realizadas por estudantes de Belas Artes das universidades de Vigo, Salamanca e Complutense de Madrid.
No caso do estudantado do campus pontevedrés, a escolma de obras proposta por Xisela Franco, baixo o título de O fotograma expandido, permitirá coñecer as aproximacións destes alumnos e alumnas á animación como un “campo de exploración que permite liberdade para intervir a imaxe e manipular a percepción do tempo”, sinala esta docente. Ese é o caso de Santiamén, que Claudia Fandiño presenta como “un refacho de saturación visual e sonora, nacido da experimentación con debuxos da miña infancia”; ou de Xogando ao agocho, curta na que Naiara Vila “propón unha narrativa abstracta arredor da identidade, entendida como unha construción intanxible e flutuante”, a través dunha “composición en constante tensión”. Tamén da proposta de Raúl Díaz, A viaxe do tolo, na que, a través de recortes e animación stop motion, “constrúe un relato a partir da simboloxía das cartas dos arcanos do tarot”.
Outras das curtas seleccionadas, apunta Franco, trasladan a visión destes alumnos e alumnas do cinema como “un territorio por descubrir”, a través de pezas nas que “a imaxe non se presenta clara e terminada, senón que fai visible as suturas do proceso”. Así, García Pintos exhibirá nesta mostra Transmisión, unha “peza onírica” que amosa “unha rapaza atrapada entre frecuencias de radio, nun mundo tétrico e inestable”; mentres que Isabella Moreno imaxina en Oda á extinción “unha fin do mundo na que o virtual consume á humanidade, saturando a imaxe de materia”. Ademais, Moreno presentará con José García Estévez o “ensaio existencialista” Persistencia del vacío, no que propoñen “unha meditación sobre o dixital e o analóxico, na que o visible e o sonoro se funden nun continuo proceso de disolución”, apunta Franco.
O estudantado presentará as súas creacións o venres 5, ás 11.00 horas, na Filmoteca de Galicia, onde protagonizarán un encontro co alumnado das outras dúas universidades participantes e terán ademais a oportunidade de asistir ao resto de sesións desta mostra internacional.
