O traballo de Yamila Lago foi unha das pezas seleccionadas para a mostra ‘Presente imperfeZto’
Unha curta que cuestiona os roles domésticos representa a Belas Artes na mostra dunha rede universitaria
As creacións audiovisuais protagonizan unha sesión na Cineteca Madrid
Unha curta na que a estudante Yamila Lago pon en cuestión “a transmisión xeracional dos roles domésticos impostos historicamente”, segundo recolle o seu texto de presentación, representa á Facultade de Belas Artes na mostra Presente imperfeZto, promovida pola Red Universitaria de Arte Audiovisual. Sete pezas de videoarte realizadas por estudantes de seis universidades españolas e da italiana Accademia di Belle Arti di Lecce foron seleccionadas para a sesión de proxeccións que ten lugar na tarde deste xoves na Cineteca Madrid.
Baixo o título de The Affected Ilussion of a New Generation, o proxecto de Lago naceu como un traballo para a materia Produción Artística: Audiovisuais, do Grao en Belas Artes, sendo o resultado dun “exercicio de experimentación co medio que nos rodea e tamén como unha invitación a saír da zona de confort”, explica esta alumna. Deste traballo académico, xurdiu unha peza de videoarte que “aborda a advertencia e o desexo dun cambio na transmisión xeracional dos roles domésticos impostos historicamente”, engade a profesora Sol Alonso, quen titorizou estes traballos xunto con Berio Molina e Ignacio Barcia.
“Desde esta peza retrátase, nun espazo en ruínas, a rutina doméstica da muller como un bucle asfixiante próximo á tolemia”, recolle o texto de presentación dunha peza que cuestiona “a transmisión xeracional dos roles domésticos” e na que o fogar “convértese nun escenario alienante para o relevo xeracional”. Nese senso, Lago recoñece que “gústame que a obra funcione tamén como un espazo de reflexión, no que cada persoa poida interpretar e cuestionar o que está acontecendo na pantalla desde a súa propia experiencia”. Ao mesmo tempo, esta alumna admite que a selección da súa curta para esta mostra chegoulle “completamente por sorpresa”, posto que sempre se considerara “unha artista máis matérica, máis cómoda co tanxible e co físico”. Mais, grazas a materias do grao como a que deu lugar a este traballo, recoñece, “fun abríndome pouco a pouco a outras linguaxes e formas de creación e esta selección fíxome ver que tamén podo atopar o meu lugar neste ámbito”. De aí que sinale que “esta oportunidade foi algo moi especial para min”, que agarda poida achegala a “novos camiños dentro do audiovisual”.
Unha rede que busca levar a arte audiovisual fóra das aulas
Comisariada polo profesor da Universidad de Salamanca Carlos Trigueros Mori, Presente ImperfeZto fai alusión co seu título “á denominada xeración Z”, reunindo no seu programa sete traballos de arte audiovisual, co obxectivo de levar fóra da aula obras nacidas nun contexto académico. Mais a mostra non busca formular “unha identidade homoxénea xeracional”, senón incidir “na diversidade e disparidade das propostas”, sinalan os seus responsables. De feito, trátase dunha iniciativa da rede RUA Audiovisual, “unha plataforma colaborativa impulsada por docentes de materias audiovisuais en facultades de Belas Artes de universidades públicas españolas”, explica Alonso, responsable de coordinar na UVigo unha rede que comezou a xestarse no 2023 na facultade pontevedresa, nunha xornada de investigación promovida polo grupo HPR3CULT.
Nacida co obxectivo de xerar un repositorio de consulta e difusión de traballos do alumnado, entre os obxectivos desta rede atópanse tamén o impulso de iniciativas como esta mostra,dirixidas a “dar visibilidade pública a pezas audiovisuais afastadas de patróns comerciais e de modelos dominantes”.
