DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O desfile no que titulados e tituladas presentan as súas coleccións terá lugar o 18 de novembro

Debut busca modelos para o seu retorno á pasarela

Realizaráselle unha proba de antíxenos ás persoas que vaian desfilar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 27/10/2021

A crise sanitaria xerada pola covid-19 impediu en 2020 a habitual celebración de Debut, o desfile no que cada ano os novos egresados e egresadas de Esdemga presentan sobre a pasarela as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos. Coas medidas ás que obriga a pandemia, como a realización de probas de antíxenos a todas as persoas que vaian desfilar, este evento poderá levarse a cabo de novo no Pazo da Cultura o vindeiro xoves 18 de novembro. Co propósito de reunir os voluntarios e voluntarias necesarios para poder presentar esta serie de proxectos sobre a pasarela, Esdemga leva a cabo nestas semanas un proceso de selección aberto a todos aqueles e aquelas que queiran colaborar co evento como modelos.

Aínda que a titulación si puido desenvolver en 2020 o programa de conferencias e actividades formativas que cada ano se articula na semana do desfile, a situación sanitaria impediu levar a cabo un evento concibidio como un “punto de encontro co mundo profesional, que foi algo que nos deu moita pena”, recoñece Lola Dopico, directora de Esdemga. “O desfile é como un acto de graduación, unha despedida, un acto de tránsito e fainos moita ilusión recuperalo, aínda que sexa para unha parte”, engade. De feito, na pasarela do 18 de novembro presentaranse tanto os traballos finais do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda que se defenderon nestas semanas como unha selección dos máis de 30 proxectos presentados “entre a última edición de Debut e o pasado mes de setembro”, tanto de titulados e tituladas no mestrado como por parte dos últimos egresados e egresadas do título propio de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, ao que substituíu este posgrao. “Imos facer unha selección, porque non temos capacidade para todas as coleccións”, recoñece Dopico, que incide non obstante en que serán preto dunha vintena os proxectos de fin de estudos que nesa xornada optarán aos premios de Debut 2021.

Preto de 60 modelos

Aínda que serán as características das coleccións seleccionadas as que determinen o número final de voluntarios e voluntarias necesarias, Dopico sinala que para esta nova edición do desfile será precisa a colaboración “de entre 60 e 70 persoas”. Para iso, nestas semanas lévase a cabo un cásting no que se lles toman unha serie de medidas e se lles abre unha ficha de cara ao posterior proceso de selección. Nese senso, as persoas interesadas en participar nun proceso que prevén completar esta semana poden acudir ao despacho de Esdemga na Facultade de Belas Artes tanto hoxe mércores en horario de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 18.00 horas como o venres de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 17.30 horas, así como contactar coa organización a través do correo info.esdemga@uvigo.es.

Como explica Dopico, en cada edición de Debut son necesarios “modelos de diferentes idades e perfís”, tendo en conta ademais que as coleccións son proxectos académicos “que non teñen medidas estándar” e as propias características dos traballos que, por exemplo, farán preciso neste 2021 un maior número de grupos de modelos masculinos. Trátase ademais, lembra, dunha “colaboración totalmente amateur, na que contamos sempre coa colaboración de moitos rapaces e rapazas da cidade, que son ademais moi xenerosos na súa participación”. Nese senso, Dopico pon de relevo o “orgullo” que para Esdemga supón ter contribuído ao longo dos anos a que Debut fose non só o punto de partida da carreira de moitos deseñadores e deseñadoras, senón que tamén “alentase moitas  traxectorias como modelos”, lembrando nese senso como na última edición da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid un dos profesionais que desfilaba "comezara con nós en Debut e agora traballa para unha das axencias máis importantes de España”. 

Desfilar nunha contorna segura

Co propósito de levar a cabo o desfile coas máximas condicións de seguridade, as e os modelos participantes someteranse a un proba de antíxenos na propia xornada do desfile, á vez que “reducirase un pouco o aforo” do evento e establecerase un novo sistema de control de acceso. Mais, como sinala Dopico, fóra das medidas ás que obriga a pandemia, buscarase que sexa un Debut “cun formato semellante ao de todos os anos”, ao que se sumará, ao longo desa semana, un programa de actividades formativas e conferencias, que se completará no día posterior ao desfile coa Xornada Técnica de Recursos Humanos na que os novos titulados e tituladas manteñen un primeiro encontro con empresas do sector. De feito, lembra a directora de Esdemga, a anterior edición desta iniciativa, que tivo que desenvolverse de xeito virtual, contribuíu a que boa parte dos egresados e egresadas do pasado curso que participarán no desfile se atopen xa traballando no mundo da moda.