DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un total de 34 imaxes presentáronse á primeira edición do certame promovido pola UCC+i

O deserto de Namibia e unha bolboreta protexida protagonizan as fotografías gañadoras do concurso ‘A beleza do natural’

Realizadas por Gonzalo Rotea e Paula Goce

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI Pontevedra 12/06/2026

Insectos, réptiles, mamíferos, fungos, aves, flores, hortalizas, plantas ou árbores protagonizan as 92 fotografías presentadas á primeira edición do concurso A beleza do natural, un certame promovido pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i), dentro do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)- Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Gonzalo Rotea, cunha imaxe tomada nun deserto de Namibia, e Paula Goce, coa súa fotografía dunha bolboreta Euphydryas aurinia, unha especie protexida pola Directiva Hábitats, son os gañadores dun concurso inserido nos actos conmemorativos do Día Mundial da Diversidade Biolóxica. 

Desde a organización destacan que as imaxes recibidas amosan, ademais dunha gran variedade biolóxica, “unha magnífica canteira de fotógrafos e fotógrafas que saben observar, interpretar e transmitir a riqueza do mundo natural a través das súas imaxes”. Neste sentido, subliñan que a elevada calidade das propostas presentadas fixo “especialmente difícil” a decisión do xurado, que valorou tanto os aspectos técnicos e compositivos como “a capacidade das fotografías para captar a singularidade das especies e dos ecosistemas retratados”. O alto nivel das propostas dificultou nese senso a elección das imaxes gañadoras nas dúas categorías deste certame, de tal xeito que foi o voto popular, a través do formulario habilitado tras pecharse o prazo de presentación de propostas, o que acabou decantando a balanza entre as fotografías mellor puntuadas en ambas modalidades.

Segundo plano e Bolboreta do Cabreiro

Na categoría xeral, aberta tanto á comunidade universitaria como a calquera persoa maior de idade, a imaxe premiada foi Segundo plano, de Gonzalo Rotea San Luis. Trátase dunha fotografía tomada no deserto namibio, concretamente en Deadvlei, un lago seco de arxila branca situado no parque Namib-Naukluft. Esta imaxe recibiu unha alta valoración por parte do xurado, que destacou “a creatividade na composición, con varios planos que transmiten sensación de profundidade”. Ademais, salientou a súa capacidade para “captar a singularidade dunha paisaxe extrema” e transmitir, a través do contraste entre as árbores secas, as dunas e o ceo, unha “poderosa sensación de inmensidade e paso do tempo”.

No referido á categoría escolar, dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, a imaxe escollida foi Bolboreta do Cabreiro, de Paula Goce López, da que o xurado destacou que “reflicte perfectamente a contraposición entre a fraxilidade e a beleza da vida”. A fotografía presenta ademais unha especie de bolboreta, a Euphydryas aurinia, común en Galicia, pero protexida pola Directiva Hábitats, destacando o xurado a capacidade desta imaxe para “captar un instante efémero da natureza”.

Gañador e gañadora serán agasallados cun kit de fotografía, composto por unha cámara Fujifilm Instax, unha funda e un recambio de papel fotográfico.

Conmemoración do Día da Diversidade Biolóxica

A convocatoria deste certame inseríase no programa de actividades impulsado pola UCC+i con motivo da conmemoración, o 22 de maio, do Día Mundial da Diversidade Biolóxica, dentro do plan de actividades Ciencia de Ida e Volta. Xunto a este certame, esta iniciativa englobou tamén a exposición A beleza do natural, que reuniu ata este xoves na sede da Deputación de Pontevedra unha escolma de fotografías do catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, e un taller de ilustración científica, desenvolvido tamén en Pontevedra o propio 22 de maio.