DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contará con 13 postos doutros tantos grupos de investigación

O día 20 de febreiro o campus abrirá as súas portas coa feira científica eXXperimenta en Feminino

Pola mañá está destinada a centros educativos e pola tarde a público xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 12/02/2026

O venres 20 de febreiro o campus de Ourense celebra unha nova edición, a novena, da súa gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Trátase da feira eXXperimenta en Feminino, que cada ano mobiliza un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, co obxectivo de contribuír a rachar dous teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas. 

A feira, que se desenvolve no edificio Politécnico, organízase co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e nela participa arredor de 150 investigadoras e investigadores, maioritariamente mulleres, da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Ademais conta co apoio de, ademais dos centros implicados, do Campus Auga; das unidades de Cultura Científica e de Igualdade da UVigo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Pola mañá estará aberta aos centros educativos que reservaron praza (14 grupos de estudantado preuniversitario de Ourense cidade, Xinzo de Limia, Bande e Allariz) e a partir das 14.00 h ao público en xeral, xa con entrada libre.

13 postos e unha conferencia

Na súa presentación este xoves, desde a organización da iniciativa participaron as súas coordinadoras, as profesoras Julia Carballo, Nieves Lorenzo, Alma Gómez e Olga Escuredo, e Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. O vicerreitor salientou que “esta feira é unha das actividades estrela do campus” e felicitou ao amplo colectivo organizador polo traballo feito en cada edición para rachar “o teito de cristal na ciencia”. Pola súa banda, Alma Gómez lembrou que esta iniciativa xorde tendo en conta que aínda que arredor do 50% do alumnado universitario é feminino esta cifra é inferior ao 30% nas carreiras CTEM e en titulacións como Enxeñaría Informática está arredor do 15%. Neste contexto, subliñou a importancia de que nesta feira rapazas e rapaces “vexan que as mulleres facemos ciencia” e que tanto elas como eles, pero sobre todo elas, tamén o pode facer no futuro. Do mesmo xeito, Olga Escuredo salientou como esta iniciativa contribúe a pór en valor e visibilizar todo o traballo investigador que se fai no campus. Desde a coordinación da feira recalcaron ademais como no seu desenvolvemento participan arredor de 150 investigadoras e investigadores do campus, destacando toda a “implicación, compromiso e creatividade” que poñen nesta actividade. 

Ao longo da mañá, as e os escolares percorrerán cada un dos 13 postos da feira para facer todo tipo de experimentos, ademais de coñecer tanto as titulacións CTEM que se imparten en Ourense como persoas que nelas traballan ou estudan. Os postos están relacionados con diferentes aspectos do traballo investigador que realizan os diferentes grupos de investigación do campus de Ourense implicados nesta feira. Entre as numerosas actividades científicas ofrecidas neles, principalmente por investigadoras pero tamén por investigadores, o público poderá ver microorganismos da auga; coñecer o valor oculto na biomasa; crear un arco da vella; coñecer como se forman as nubes e os tornados e a loita insectfriendly contra a vespa velutina. Tampouco faltarán experiencias como ver o funcionamento dun túnel de vento de aeronáutica; programar con ferramentas sinxelas; e coñecer como os residuos poden ter unha segunda vida e o poder das encimas. Achegarse á importancia do solo e do Adn ou realizar un ‘escape room’ para aprender conceptos de refinería e de biorefinería son outras das propostas para o alumnado que se achegue a eXXperimenta. 

A programación da tarde, aberta ás persoas interesadas, inclúe a conferencia Barbies e robots, ofrecida por Deborah García Bello (A Coruña), investigadora en ciencia dos materiais, escritora e divulgadora científica autora do blog de divulgación Deborahciencia. Será ás 16.30 h, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico, non sendo necesaria inscrición previa. Sobre esta actividade, Nieves Lorenzo fixo fincapé na importancia de que as rapazas tamén sexan conscientes de como a ciencia e a tecnoloxía pode axudar á sociedade. Por último, na celebración de eXXperimenta en Feminino entregaranse os galardóns do X Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, organizado por este colectivo.

Máis 11F no campus


A feira dará continuidade á programación do 11F no campus de Ourense, que arrancou o pasado venres coa celebración dos obradoiros Rachando estereotipos na Facultade de Educación e Traballo Social, nos que participaron 61 estudantes do IES 12 de Outubro. Da man da profesora Almudena Alonso, afondaron na tecnoloxía educativa ao servizo dunha sociedade máis igualitaria; con María Cerdeira e Ana Iglesias elaboraron un podcast sobre o papel da muller nas obras de ficción audiovisuais e banda deseñada e con Tamara Amorín realizaron experimentos no laboratorio de didáctica das ciencias naturais co programa Elas fan Ciencia. “O talento non entende de xéneros, seguimos a traballar con iniciativas coma esta para que a ciencia sexa un espazo aberto e igualitario para todas”, sinalan desde a facultade organizadora.

A programación continuará tamén o día 20 coa xornada Mulleres que transforman a ciencia, a industria e a empresa, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. A actividade “será un espazo de inspiración, aprendizaxe e diálogo coas profesionais invitadas, referentes nos seus ámbitos e exemplos de compromiso, innovación e liderado”, tal e como sinalan desde o centro. Moderada pola profesora Isabel Diéguez, a cita contará coa participación de Dora Casal (xerente de Roberto Verino); Alicia María Gómez (xerente de Inplasor Galicia) e de Lucía Novel (directora de Ingeo Enxeñería Xeotérmica). Con esta actividade a facultade quere “contribuír a recoñecer, visibilizar e apoiar o papel das mulleres na construción dun futuro máis xusto, creativo e sostible”.