Nunhas xornadas nas que participaron medio cento de mozas e mozos investigadores
Día de “pura e excelente neurociencia made in Galicia” na Facultade de Bioloxía
Preséntanse traballos en neurobioloxía médica, neurofisioloxía, psicobioloxía, neuroanatomía...
“Un día de pura e excelente neurociencia made in Galicia”. Así se referiu o profesor Manuel Ángel Pombal Diego, presidente do comité organizador e coordinador do Máster en Neurociencia na UVigo, ás XX Xornadas para Xoves Investigadores en Neurociencia, unha actividade coorganizada polas tres universidade públicas galegas como “marco idóneo” no que as persoas que se incorporan á actividade investigadora a través do Máster Universitario en Neurociencia poidan discutir con docentes e investigadores sénior os seus proxectos e os resultados dos seus traballos de investigación.
A cita arrancou a primeira hora deste venres na Facultade de Bioloxía cun acto de apertura que contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; a decana da Facultade de Bioloxía, Mercedes Gallardo; o coordinador xeral do Máster en Neurociencia, Miguel Ángel Rodríguez Díaz, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; e o presidente do comité organizador e coordinador do máster na Universidade de Vigo, Manuel Ángel Pombal Diego.
“Este encontro forma xa parte do calendario científico galego e para nós é unha honra que este ano nos tocase na Universidade de Vigo”, salientou a vicerreitora, Belén Rubio, quen se referiu ao encontro como un “exemplo de colaboración” entre universidades e entre os centros de investigación, neste caso, o CINBIO, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e o CIMUS. “Esta colaboración é básica para o avance da ciencia, sobre todo en eidos tan complexos e fascinantes como é a neurociencia, a ciencia que nos achega os coñecementos máis profundos sobre o que pensamos, o que sentimos, como actuamos...”. Aludindo aos retos futuro, a vicerreitora animou aos participantes a avanzar no coñecemento de moitas enfermidades que ata agora non teñen cura, como o alzhéimer. “O voso traballo será a semente desa innovación futura”, salientou a vicerreitora, quen rematou a súa intervención cunha cita do médico e científico español Santiago Ramón y Cajal ‘todo ser humano, se o quere, pode ser escultor do seu propio cerebro’, “ogallá estas xornadas axuden a esculpir novos camiños na vosa traxectoria”.
Marco científico para a presentación de 15 TFM
“O obxectivo destas xornadas é fomentar e dinamizar a presentación e discusión de traballos científicos entre mozos investigadores no ámbito da Neurociencia”, salientou o presidente do comité organizador, quen explicou que dos 50 inscritos, 15 correspóndense con alumnos do máster que presentan o seu Traballo Fin de Máster nestas xornadas. Farano, tal e como foi explicando, divididos en 5 sesións: tres de mañá e dúas de tarde. “Nas dúas primeiras da mañá presentaranse traballos de Neurobioloxía Médica e van desenvolverse simultaneamente. A continuación, será a quenda dos proxectos relacionados coa Neurofisioloxía”. Xa pola tarde, celebraranse as dúas sesións restantes: na cuarta presentaranse traballos do ámbito da Psicobioloxía e na quinta, e derradeira, un traballo de Neuroanatomía e outro de Neurociencia Computacional.
Dada a intensidade do programa, as xornadas celébranse de xeito simultáneo no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais e na aula 10 da Facultade de Bioloxía.
Conferencia inagural a cargo de Ana Covelo, investigadora do CINBIO
Tras o acto de apertura, o programa científico arrancou coa conferencia inaugural a cargo de Ana Covelo Fernández, investigadora Ramón y Cajal do grupo de Neurociencia do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Impartiu o relatorio Comunicación astrocito-neurona no sistema de recompensa do cerebro, unha charla na que tratou de explicar como os astrocitos regulan a actividade neuronal. “Para min é unha honra darvos a coñecer o traballo que fago”, subliñou a investigadora, quen os animou a coñecer estas cuestións como posible camiño a seguir nos seus doutoramentos, “eu estou buscando xente”, salientou a investigadora, quen conta cunha intensa traxectoria investigadora, tanto en España como no estranxeiro.
