DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Antía Rivas é unha das autoras do libro ‘The multidimensionality of the plant’

Un diálogo entre arte e ciencia que retrata sete árbores da selva amazónica

A publicación reúne información e representacións destas especies cando teñen menos dun ano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 20/01/2023

Aproximarse ao coñecemento dunha realidade a través da combinación de diferentes linguaxes e perspectivas. Esta idea constituíu o punto de partida do proxecto que uniu á artista e investigadora do grupo dx5 da Facultade de Belas Artes Antía Iglesias coa enxeñeira forestal francesa Marion Boisseaux e que deu como resultado unha publicación que, a través do diálogo entre arte e ciencia, reúne información e representacións de sete especies de árbores da selva amazónica no seu primeiro ano de vida. Os resultados deste traballo conxunto, desenvolvido ao abeiro dunha estadía desta alumna do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable na Guaiana Francesa, recóllense no libro The multidimensionality of the plant. An art and ecophysiology approach to the comprehension of Amazonian tree seedlings, editado en galego e inglés polo Servizo de Publicacións da UVigo. Así mesmo, o traballo conta tamén cunha edición en francés e castelán, a cargo do Centro Nacional de Investigación Científica francés. 

A confluencia entre dúas investigacións

“É un libro descritivo destas especies, que son árbores representativas da selva amazónica”, sinala Iglesias, investigadora predoutoral da Xunta de Galicia, do resultado final dun proxecto que naceu, recoñece, “case por casualidade”, no marco da súa estadía na Universidade da Guaiana en Korou. Alí atopábase tamén Boisseaux, desenvolvendo a súa tese de doutoramento en Ecoloxía Tropical, na que analiza os efectos das secas, derivadas do cambio climático, sobre estas especies. Os estudos que leva a cabo con plántulas destas árbores, no seu primeiro ano de crecemento, conectaron á súa vez coa investigación que Iglesias desenvolve no doutoramento do Campus Crea, baixo a dirección da profesora de Belas Artes Anne Heyvaert e a docente da Escola de Enxeñaría Forestal Ángeles Cancela. A súa investigación, explica, céntrase na “fabricación de tintas e dun material prensado a partir de especies invasoras” que poden atoparse no rio Umia e comprende á súa vez un proceso de creación artística centrado nas texturas das plantas e do mundo natural. 

Nese senso, estas dúas liñas de traballo confluíron nun proxecto que combinou as medicións que Boisseaux realizaba no invernadoiro destas plántulas co traballo de ilustración botánica que ía desenvolvendo ao mesmo tempo Iglesias, dando como resultado unhas publicacións nas que “intentamos describir esas especies da forma mais holística posible”. O seu punto de partida, engade Iglesias, é a idea da “multidimensionalidade da planta, tratar de entendela a través de diversos códigos que interrelacionan arte e ciencia” e que permitien achegar unha serie de datos sobre o crecemento destas plantas no seu primeiro ano de vida, pero tamén as primeiras representacións gráficas “destas especies en estado de crecemento”, xa que ata o de agora só podían atoparse das árbores adultas, sinala Iglesias Fernández. 

Unha planta, oito dimensións

Eperua falcata, Iryanthera hostmanii, Jacaranda copaia, Pterocarpus officinalis, Symphonia globulifera, Tachigali melinonii e Virola surinamensis son as sete especies de árbores tropicais que esta publicación analiza, no seu primeiro ano de vida, a través de oito “códigos”, nos que combinan “dúas linguaxes diferentes para definir a realidade”. En primeiro termo, atópase o “verbal”, con información da especie, a súa orixe, evolución e clasificación taxonómica, xunto co nome que recibe en diferentes idiomas, “xa que na Guaiana existen moitas comunidades con diferentes linguas”, lembra Iglesias. O segundo sería o claroscuro, “unha representación con luces e sombras da planta” que permite observala no seu conxunto, mentres que co “código lineal” buscaron trazar unha representación da planta ao natural, que permitise rexistrar as súas medidas. A cuarta dimensión era a cor, a través dunha serie de acuarelas que permiten mostrar “a incidencia da luz das sombras na planta”, explica Iglesias. Xunto ás fotografías que permiten observar estas plántulas “na súa propia contorna”, outro dos apartados era o da representación lineal das plantas e das súas raíces. A estes sumouse o dedicado ao “código científico”, que a través de gráficos e diagramas presenta a comparación entre as sete especies dunha serie de parámetros analizados por Boisseaux, como o grosor das follas, os niveis de clorofila ou o ancho do talo. 

Por último, outro dos códigos era o das “pegadas das follas”,  a partir do seu escaneado, aspecto que conecta á súa vez este proxecto coa investigación de Iglesias. De feito, o traballo con estas “pegadas dixitais” levou a esta graduada en Belas Artes a traballar na xeración de “matrices xilográficas”, que servisen como punto de partida para a produción de obras. Nestes libros recóllense, de feito, imaxes dunha serie de obras realizadas a partir deste método, co que deu forma a pezas xurdidas de “ampliación das texturas internas das follas”. Esta liña de traballo, que posteriormente levou a Iglesias a realizar outra serie de obras que recentemente presentaba nun congreso de estampa contemporánea en Bristol, ten como punto de partida, explica, a aplicación “do método científico para chegar a representacións obxectivas, pero que á súa vez son tamén subxectivas e abstractas”.