DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu decano comisario participou nun seminario dirixido a gobernadores rexionais deste país  

Dirección e Xestión Pública estreita lazos con Colombia

Nunha iniciativa promovida pola Fundación José Ortega y Gasset – Gregorio Marañón

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Internacional
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 09/09/2021

Promover unha transferencia de coñecemento que contribúa ao fortalecemento do Estado e da gobernanza democrática en Colombia é o obxectivo do Programa Internacional Estrategias nacionales y regionales de reactivación económica y social, que Goberna, a Escola de Política e Alto Goberno da Fundación José Ortega y Gasset – Gregorio Marañón (FOM), promove xunto coa Federación Nacional de Departamentos (FND) do país americano e no que se insiren actividades como o seminario no que interviu o decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela. O presidente da FND e gobernador do departamento de Cundinamarca, Nicolás García; o director da FND; Didier Talavera, e os gobernadores de Meta, Juan Guillermo Zuluaga; e Caldas, Luis Carlos Velásquez, foron algúns dos participantes nunha actividade formativa que se desenvolveu na sede da FOM en Toledo e na que, ademais de Varela, interviron tamén a directora deste programa internacional, Isabel Bazaga, e o asesor de políticas públicas na Concejalía de Urbanismo, Vivienda e Infraestructuras de Madrid, Manuel Tamayo.

Como “moi intensa e satisfactoria” definiu Varela a súa participación, na tarde deste mércores, nunha mesa redonda titulada Os desafíos da dirección pública na xestión das crises: novos riscos e ameazas, que, engade, “abrirá ás portas á facultade e aos estudos de grao e máster en Colombia”. Varela subliña así mesmo a “enorme presenza en América Latina” da FOM, organismo responsable dun programa que se desenvolve ao longo destea semana, na que os gobernadores colombianos participan tanto nunha serie de actividades académicas como en diferentes visitas institucionais.

Segundo informou esta fundación, esta iniciativa busca analizar “a arquitectura institucional dun estado descentralizado, os instrumentos dos que dispoñen os gobernos rexionais para impulsar as súas políticas públicas e reactivar economicamente os seus territorios e os instrumentos do Goberno Nacional para o apoio a estas”. De feito, ademais de Varela, tamén coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, o programa conta nestes días coa participación como relatores, entre outros, do secretario xeral de Asuntos Económicos da Presidencia do Goberno, Manuel de la Rocha, e do catedrático de Facenda Pública Jesús Ruiz-Huerta, presidente do comité de expertos para a reforma fiscal en España.