DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada que se desenvolverá o 11 de novembro a través de Campus Remoto

Dirección e Xestión Pública propón un debate sobre o presente e futuro da docencia virtual nas universidades presenciais

Coa participación de representantes de diferentes institucións académicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 03/11/2021

En marzo de 2020, a covid-19 obrigou ás universidades a converter temporalmente en virtual toda a súa actividade docente. Mais, antes da pandemia, diferentes institucións académicas impulsaran xa graos e posgraos virtuais. Trazar unha “primeira foto fixa” sobre o papel da modalidade online nas universidades públicas presenciais, nun contexto marcado polos cambios xerados pola pandemia, é o obxectivo da xornada que a Facultade de Dirección e Xestión Pública promove o vindeiro xoves 11, tamén de xeito virtual. Representantes de diferentes institucións académicas españolas participarán nun debate sobre o papel do e-learning no ensino superior, no que tamén se porá o foco na experiencia do Grao en Dirección e Xestión Pública da UVigo, que o pasado curso se converteu no primeiro de Galicia en pór en marcha unha modalidade virtual.

“Tras a pandemia, rompéronse todos os moldes da ensinanza presencial nas universidades e as modalidades virtuais e semipresenciais chegaron para quedarse”, sostén Enrique Varela, decano comisario da facultade, que organiza esta xornada xunto co Observatorio da Gobernanza G3 e o grupo de innovación Docencia aberta_Open Teaching. Máis aló dos efectos da covid-19, este foro busca afondar en diferentes experiencias de graos e posgraos virtuais, que “xa tiñan certo percorrido nas universidades públicas”, co propósito de “aprender destes procesos”, que implicaron, sinala, “unha enorme complexidade e compromiso por parte dos equipos docentes”.

Tres focos de análise

A I Xornada Docencia virtual universitaria, que poderá seguirse a través de Campus Remoto, será inaugurada polo reitor, Manuel Reigosa, e engloba tres mesas dirixidas a coñecer unha serie de experiencias levadas a cabo en institucións académicas españolas. O primeiro dos debates terá como protagonistas a Jorge Vega, director do Centro Tecnolóxico Intecca da UNED, e a Mildred Guinart, directora do Grupo de Xeración e Transferencia de Coñecemento eLearn Center, da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Trátase, como sinala Varela, de “dúas das universidades públicas a distancia máis importantes do país”, que acumulan “décadas de traballo virtual”, polo que a súa experiencia “é clave para comprender a complexidade de xestión deste tipo de programas”. 

A segunda mesa porá o foco nas experiencias virtuais de universidades presenciais, coa participación da profesora da Universidad Rey Juan Carlos Isabel Bagaza, do director do Centro de Ensinanza Virtual da Universidad de Burgos, Víctor Abella, e do propio Varela. Seguindo con esa mesma liña, a terceira mesa centrarase nas titulacións de xestión pública de carácter virtual. Nela intervirán Nuria Domeque e Ignacio Fernández, coordinadores, respectivamente, dos graos de Xestión e Administración Pública das universidades de Zaragoza e Oviedo, xunto coa secretaria académica do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional da UVigo, Mónica López Viso, e o responsable de virtualización de títulos da facultade, Xosé Mahou.

“No caso das universidades presenciais, as iniciativas virtuais teñen un carácter menos estratéxico e transversal e remítense a experiencias segmentadas por áreas de coñecemento e equipos de investigación e docentes”, sinala Varela, responsable de clausurar esta xornada xunto coa vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval. “De aí a necesidade de seguir traballando neste espazo de produtos académicos virtuais”, que requiren “dun proceso de apoio transversal” e dun “traballo en comunidade”, engade. “Sen unha base previa de preparación do profesorado, sen contar cos responsables dos procesos administrativos en sen unha alianza clara co alumnado presente e futuro do título, unha experiencia de virtualización nun grao dunha universidade pública presencial ten máis posibilidades de fracaso que de éxito”, conclúe nese  senso o decano comisario. 

A experiencia de Dirección e Xestión Pública

Outros dos propósitos deste encontro é contribuír a que “diferentes actores con experiencia en proxectos de e-learning” poidan coñecer a experiencia tanto do Grao en Dirección e Xestión Pública, como do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, que se imparte online desde hai máis dunha década. “Somos pioneiros na modalidade virtual, pero aínda o somos máis nos procesos de virtualización dos títulos”, sinala Varela, aludindo ao labor feito na acreditación da memoria do título, nos plan docentes virtuais ou nos procesos de xestión académica e coordinación do persoal docente. A isto súmase a creación “dun marco institucional reforzado”, a Facultade de Dirección e Xestión Pública, que sería a primeira de España centrada neste tipo de estudos e cuxa creación atópase pendente da súa aprobación por parte do Consello Galego de Universidades e o Consello da Xunta. 
 

Programa da xornada