DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A directora xeral de Investigación e Innovación defende en Vigo a necesidade de potencias o papel das OTRIs

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/03/2019

A directora xeral de Investigación, Desarrollo e Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, Teresa Riesgo, defendeu este venres en Vigo a necesidade de potenciar o papel das Oficinas de Transferencia de Resultados, OTRIs, tanto das universidades  como de calquera outro organismo de investigación (hospitais, fundacións, centros tecnolóxicos, etc) como unha das principais estratexias para favorecer a transferencia. Fíxoo na Escola de Enxeñería Industrial onde impartiu a conferencia La transferencia del conocimiento: próximo reto europeo, unha intervención na que estivo acompañada polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa; a vicerreitora de Transferencia, Consuelo Pérez e o director da EEI, Juan Pardo.

Catedrática de Tecnoloxía Electrónica na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidad Politécnica de Madrid, onde dirixiu o Centro de Electrónica Industrial, Teresa Riesgo conta cunha “máis que solvente” carreira investigadora, tal e como destacou o reitor durante a súa presentación, quen nesta liña destacou que “sempre é unha boa noticia cando o Estado capta para os seus gobernos persoas que saben, que son cociñeiros antes que frade”, ao que engadiu que “no ADN da Universidade de Vigo sempre estivo a transferencia” e esa aposta semella que nestes momentos está a ser recoñecida tanto a nivel estatal como europeo. 

Durante a súa charla, á que asistiu un destacado número de membros da comunidade universitaria, a directora xeral de Investigación lamentou que nos últimos anos houbo sitios nos que as OTRIs estiveron “absolutamente abandonadas”, dándose casos de organismos nos que traballan arredor de mil investigadores e investigadoras e teñen unha única persoa contratada na súa OTRI, algo que cualificou como “tremendamente problemático”. Desde o seu punto de vista, estas oficinas deberían ser o grande interface entre o científico e o mundo exterior, “o mundo no que podes desde vender a tecnoloxía, ata licenciala, patentala, montar unha empresa...”, subliñou a representante do ministerio, quen non dubidou en recalcarlles aos asistentes a importancia de que sexa unha persoa especialista nestes temas a que axude ao investigador/a a determinar que é máis conveniente facer en cada caso, pois non hai que esquecerse de que non todas as tecnoloxías nin todos os desenvolvementos están feitos para montar unha empresa ou patentalos, as posibilidades son múltiples. Nesta liña Riesgo defendeu como “básico para lograr a transferencia” ese coñecemento do que dispoñen nas OTRIs, un coñecemento que inclúe tanto ao mercado como á propia institución.

“Hai que ser conscientes de que a transferencia é bidireccional”

Ademais da posta en valor das OTRIs, a directora xeral do ministerio de Ciencia fixo tamén fincapé na importancia de potenciar os instrumentos de colaboración público-privada, destacando o papel das denominadas convocatorias de Transferencia Cervera, orientadas ao financiamento de proxectos individuais de I+D desenvoltos por empresas que colaboren con centros tecnolóxicos. Nesta liña, Riesgo insistiu na idea de que “hai que ser conscientes de que a transferencia é algo bidireccional”, destacando o feito de que no sector privado hai toda unha serie de coñecementos dos que non se dispón nin nas universidades, nin noutros centros públicos de investigación.

Entre os instrumentos a potenciar para favorecer a transferencia, Riesgo gabou tamén as axudas Torres Quevedo para a contratación de doutores. “O doutoramento industrial é a mellor maneira de establecer ou de afianzar unha colaboración entre dúas institucións, simplemente a través dunha persoa”, defendeu a experta.

Coñecendo “de preto” o corazón do Vigo Tecnlóxico

A visita da Teresa Riesgo ao campus de Vigo comezou a primeira hora da mañá no edificio Exeria, onde, no despacho do reitor, foi recibida por Manuel Reigosa e os vicerreitores José Luiz Míguez (Planificación) e Consuelo Pérez (Transferencia) e polo secretario xeral, Miguel Ángel Michinel. Tras este encontro, no que tamén participou o docente e investigador Juan José Rodríguez Andina, a directora xeral visitou diferentes dependencias das escolas de enxeñaría de Telecomunicación; Minas e Enerxía e Industrial, onde foi recibida polos seus directores, Íñigo Cuiñas, Elena Alonso e Juan Pardo, respectivamente.