DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Loureiro é a responsable deste centro de investigación interuniversitario

Distinguen á directora científica de Ecobas co Premio María Josefa Wonenburger

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
DUVI 13/11/2024

A directora científica de Ecobas, María Loureiro, acaba de ser distinguida co premio Premio María Josefa Wonenburger Planells. O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia outorgoulle esta distinción por unanimidade á catedrática de Fundamentos de Análise Económico da Universidade de Santiago de Compostela, que dirixe o centro Economics and Business Administration for Society, integrado polas tres universidades galegas.

María Loureiro é licenciada en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutora pola Washington State University. Dende o ano 2010 é catedrática de Fundamentos da Economía na USC e foi tamén profesora titular na Colorado State University e na Carlos III de Madrid.

Este galardón busca recoñecer o seu labor no eido da investigación no que conta con traballos, entre outros, sobre a avaliación económica dos danos ambientais do Prestige e que foi utilizado pola propia Fiscalía no proceso de reclamación de danos. Ademais, nestes momentos, traballa nun proxecto sobre a Economía do cambio climático: vulnerabilidade e políticas de adaptación e mitigación en España.

A Unidade da Muller e da Ciencia destacou tamén que María Loureiro forma parte da Real Academia Galega das Ciencias desde o ano 2022. Concretamente, a investigadora é a primeira muller académica numeraria da Sección de ciencias Económicas e Sociais. Ademais, a Xunta sinala que o seu traballo a convirte nunha das científicas máis influentes do mundo.