DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto do 80% das especies da illa africana son endémicas 

Divulgare viaxa a Madagascar para amosar un dos lugares máis diversos e singulares da Terra  

A peza tamén quere reivindicar a aprendizaxe da Bioloxía fóra das aulas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/02/2019


Na peza audiovisual que fai o número 45 das producidas por Divulgare, as e os integrantes do grupo de investigación en Ecoloxía e Evolución das Plantas da Universidade de Vigo trasladan ás e aos seus espectadores a Madagascar, “un dos lugares do planeta máis peculiares no que se refire a biodiversidade”, asegura Luis Navarro coordinador de Divulgare. Pero máis aló da súa finalidade divulgativa, este novo vídeo tamén ten un obxectivo claramente reivindicativo: “o do interese en saír ao campo a aprender Bioloxía porque… hai moito que aprender fóra das aulas tamén!”, sinala Navarro, que lamenta que o alumnado case non teña saídas ao campo e “aínda que nas aulas e nos libros se aprenden moitas cousas…cómpre experimentar e ter contacto real coa natureza!”.

Madagascar: unha illa singular é unha peza de nove minutos de duración gravada polo propio Navarro durante unha viaxe o pasado mes de decembro a Madagascar e na que Iván Rodríguez e Iago López se encargaron da edición e a montaxe. “Tratamos de explicar conceptos interesantes para entender como se constrúe e mantén a vida no planeta e eliximos facelo nun formato que combina o ‘nivel académico’ con algunhas explicacións animadas, con imaxes reais do que se pode ver nun paseo polo bosque se vas un pouco atento”, detalla Navarro en relación co último traballo audiovisual de Divulgare.

Reivindicación da bioxeografía explicar a singularidade de Madagascar

Situada no océano Índico, a cuarta illa máis grande do mundo separouse do continente africano hai 150 millóns de anos. Foi este illamento o que favoreceu en Madagascar a conservación de multitude de especies únicas no mundo, ata o punto de que preto do 80% delas son endémicas, entre as que destacan 50 de lémures, cinco familias de aves ou o 80% das súas plantas. Desde o punto de vista da bioxeografía, a disciplina da bioloxía comparada que estuda os procesos causais, históricos e ecolóxicos que determinan a distribución espacial dos organismos no planeta, o vídeo de Divulgare “trata de explicar a que se debe a singularidade biolóxica desta illa facendo fincapé nos procesos e mecanismos que marcaron a aparición de moitas novas especies”, detalla Luis Navarro.

A achega a Madagascar desde o punto de vista da bioxeografía non é casual, senón que responde a unha reivindicación desta disciplina, xa que, segundo explica o coordinador de Divulgare e docente e investigador da Universidade de Vigo “desgraciadamente, cos sucesivos cambios de plans de estudos que sufrimos na nosa facultade, na actualidade non temos posibilidade de falar ao noso alumnado desta disciplina; de como e porque se distribúen as especies de organismos vivos polo planeta. Por iso consideramos que era importante incluír unha pequena explicación neste vídeo, porque … en definitiva, estes vídeos facémolos pensando sobre todo no noso alumnado”.

Novos traballos en carteira 

Aínda que Madagascar: unha illa singular acaba de estrearse, a actividade en Divulgare non se detén e xa están a preparar unha curtametraxe “coa que pretendemos alertar sobre os problemas que pode xerar a perda de polinizadores para a alimentación dos humanos”, explica Navarro, que tamén avanza que o grupo está a elaborar outra peza coa que busca sensibilizar á sociedade sobre os problemas que está a xerar o incremento da cantidade de lixo que producen as persoas. 

“Os 45 vídeos elaborados tradúcense en varios millóns de visionados en todo o planeta sobre as alertas medioambientais que tratamos de transmitir desde a Universidade de Vigo. Isto non sería posible se non estiveramos funcionando como un equipo ben engraxado”, asegura Navarro, que agradece o traballo desenvolvido polo equipo de Divulgare, ao tempo que reivindica o papel da Universidade como vehículo de transmisión do coñecemento á sociedade.