DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As proxeccións na Vicerreitoría completaranse con 200 pases para ver os documentais ‘online’

‘Docs del Mes’ combinará a exhibición física coa visualización dos filmes a través da rede

A programación retómase este luns con ‘Lo que no te mata...’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Pontevedra 22/01/2021

Da man da Vicerreitoría do campus, Pontevedra é desde 2018 unha das máis de 70 cidades integradas na programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental coordinado pola compañía Parallel 40, que programa cada ano a proxección de dez filmes nas súas diferentes sedes. As limitacións de aforo ás que obriga a situación sanitaria provocada pola covid-19 motivan que a programación deste ciclo na cidade vaia combinar este ano a exhibición dun filme cada mes coa posibilidade de ver estes documentais a través da rede. Para cada proxección, a Vicerreitoría disporá de 200 “prazas” para a súa visualización online nos 15 días seguintes á exhibición do filme.

A programación de Docs del Mes neste 2021 arrinca en Pontevedra o vindeiro luns coa proxección ás 19.00 horas na sede da Vicerreitoría do documental, Lo que no te mata..., da directora belga Alexe Poukine. Dada a situación sanitaria, a sala terá un aforo limitado a 15 persoas, pero outras 200 poderán ver o filme, desde a xornada seguinte á súa proxección e durante os seguintes 15 días, a través da web da produtora organizadora. Para iso, deberán remitir un correo electrónico a docspon@uvigo.es, indicando no asunto 'docs del mes' e se lles enviará un código numérico, de uso unipersoal e ligado á conta de correo, que lles permitirá acceder ao documental. Estes 200 'pases', explican desde a Vicerreitoría, outorgaranse, para cada un dos filmes, seguindo a orde de solicitude, a partires do día seguinte á proxección presencial.

As tres primeiras citas de 2021

A historia de Ada, unha muller que con 19 anos foi violada tres veces na mesma semana por un home que coñecía constitúe o punto de partida de Lo que no te mata..., un documental que buscar contribuír á visualización, como sinalan desde a produtora, dun “fenómeno social moi amplo e aínda silenciado”, as violacións en contornas de confianza. Dirixido por Alexe Poukine, o filme acumula seis premios e a súa selección en máis dunha trintena de festivais desde a súa estrea en 2019.

O 15 de febreiro proxectarase, tamén na sede da Vicerreitoría, Advocate, un documental dirixido pola estadounidense Rachel Leah Jones e o francés Philippe Bellaiche e centrado na traxectoria de Lea Tsemel, unha avogada israelí “especializada na defensa de prisioneiros políticos palestinos”, salientan desde a produtora. O filme, que formou parte da shortlist dos Oscar, estréase en febreiro en España no marco de Docs del Mes e afonda na figura de Tsemel a través da súa preparación das defensas de dous casos, o dun neno de 13 anos acusado de participar no acoitelamento dun mozo israelí e o dunha moza acusada dun “intento frustrado de atentado suicida”. 

Un mes despois, o 15 de mazo, a programación continuará con The Letter, unha película dirixida por Maika Lekov e Christopher King, que narra a historia de Karisa, un mozo keniano que retorna a súa aldea natal cando sabe do perigo que atravesa a súa avoa tras ser acusada de bruxería, un problema que sofren neste país “centos de anciáns”.