DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A artista téxtil e investigadora Arantza Vilas imparte un taller promovido polo Campus Crea

Dous días de experimentación sobre o 3D no téxtil, da man dunha deseñadora que traballou no vestiario de ‘Xogo de Tronos’

Este xoves será unha das conferenciantes do III Congreso Internacional de Creatividade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 06/10/2026

Filmes como A pantasma da ópera ou María, raíña de Escocia e series como Xogo de Tronos forman parte das producións audiovisuais que contaron coa participación da artista téxtil e investigadora Arantza Vilas no seu deseño de vestiario. Profesora asociada na Universidade das Artes de Londres, Vilas é a responsable de impartir o taller A impresión 3D e o téxtil, unha aproximación, unha iniciativa promovida polo Campus Crea que se desenvolve este martes e mércores no CREA Lab da Vicerreitoría.

“Imos estudar as posibilidades de utilizar o lapis 3D no contexto do téxtil, ben para crear estruturas baseadas en estruturas téxtiles tradicionais, ben para traballar directamente sobre un tecido”, sinala esta deseñadora. Nese senso, tanto a utilización deste lapis 3D sobre papel, acetato ou cristal, como as súas posibilidades no traballo cos tecidos forman parte dos contidos deste taller de 14 horas, divididas en dúas xornadas, que cubriu en poucos minutos as súas doce prazas. 

A actividade botou a andar na mañá deste martes cunha serie de actividades dirixidas a que as estudantes participantes se familiarizasen con manexo desta ferramenta, para logo pór o foco nas súas posibilidades á hora de crear estruturas “que se asemellen ao téxtil, aínda que non sexan tecidos tradicionais”. Para iso, explica Vilas, as alumnas traballan principalmente con filamentos ríxidos, cos que “explorar xeometrías que poidan engadir flexibilidade” ás estruturas xeradas, de tal xeito que estas “se comporten” como un elemento téxtil. Por outra banda, empregarán tamén estes lapis “para debuxar sobre o téxtil”, nun taller “moi aberto” no que irán progresivamente “aumentando o volume” deses debuxos, co propósito de que poidan explorar as súas posibilidades como “unha fórmula para debuxar en tres dimensións” sobre un tecido.

III Congreso Crea 

Tras este taller, Vilas participará o xoves no III Congreso Internacional de Creatividade, promovido polo Campus Crea coa colaboración da Deputación de Pontevedra. A investigadora e deseñadora será responsable dunha das conferencias da primeira xornada deste evento, na que trazará primeiro un breve percorrido polo seu traballo en deseño de vestiario para cine e televisión, para logo centrarse no eixe central da súa actividade desde 2020, a investigación en ámbitos como os materiais avanzados, o deseño especulativo ou os e-téxtiles, que leva a cabo de xeito independente e como investigadora afiliada a grupos como Wearable Computing da Universidade das Artes de Berlín ou Bio-Inspired Textiles da Universidade das Artes de Londres.

Nesta primeira xornada, o congreso abrirase cunha conferencia da artista multidisciplinar Alicia Framis, que conta cunha destacada traxectoria en ámbitos como o da performance e cuxa obra estivo presente en espazos como as bienais de Berlín e Venecia. Residente en Países Baixos, é tamén autora de diferentes libros, entre os que se atopa Mi marido es una IA (2025), no que aborda a súa experiencia como primeira muller en casar cun holograma intelixente. Entre as actividades incluídas na programación da primeira xornada deste congreso figuran tamén unha mesa sobre comunicación, creatividade e gastronomía, conducida polo chef Pepe Solla, e a inauguración, na Sala O Abrigo de Belas Artes, da exposición Contar cos dedos. A xornada do venres abrirase co relatorio Intelixencia artificial, creatividade e educación, a cargo do profesor da Universidad de León Roberto Baelo, seguida por unha mesa redonda sobre proxectos de investigación e outra centrada no emprego da IA en procesos creativos. A conferencia de clausura, centrada no deseño de experiencias didácticas transmedia valéndose da intelixencia artificial, correrá a cargo da catedrática da Universidad de Oviedo María Esther del Moral. O congreso acollerá así mesmo unha serie de mesas de presentación de comunicacións, nas que darán a coñecer os seus estudos 65 investigadores e investigadoras de diferentes universidades de España, Portugal, Guatemala e Colombia. 

Novas actividades no CREA Lab

Tras este obradoiro de Artanza Vilas, o CREA Lab da Vicerreitoría acollerá entre o 27 de outubro e o 24 de novembro un curso de estratexia de marca e identidade, impartido por Belén Gómez, directora de deseño na axencia Costa. Dirixido tamén á comunidade universitaria, trátase dun taller con 12 prazas, que afondará en cuestións como os fundamentos da estratexia de marca e posicionamento, a identidade visual ou a arquitectura de marca. A inscrición ten carácter gratuíto e pode realizarse a partir deste venres 9 de outubro na plataforma Campus Activo.