DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do programa Aula Crea, que promoven a Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica

Dous talleres inician na fotografía e na xestión de redes sociais a estudantes e profesionais

Impartidos polos responsables do estudio La Marela e a ‘influencer’ Natalia Maquieira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/11/2021

Ampliar a formación, tanto do alumnado universitario como de profesionais de diferentes eidos, nunha serie de materias que teñen na creatividade o seu eixo de unión é o obxectivo dos obradoiros Aula Crea, que a Vicerreitoría do campus e a Concellaría de Promoción Económica e Universidades impulsan ao abeiro dun convenio de colaboración. Coas súas 15 prazas cubertas, nestas semanas desenvólvense no campus dous talleres dirixidos a iniciar aos e ás asistentes no manexo dunha cámara de fotos e na creación de contidos para redes sociais. Estruturados en catro sesións e con inscrición gratuíta, estes obradoiros son impartidos por Graciela Vilagudín e David Cons, do estudio fotográfico La Marela, e pola influencer Natalia Maquieira.  

Crear contidos con valor, a primeira clave en redes

Responsable do blog de moda Pasoapaso, Natalia Maquieira imparte en Ciencias Sociais e da Comunicación o taller Creación de contidos para redes sociais, no que toma como punto de partida o seu libro electrónico El poder de las redes para tratar de dar resposta a diferentes cuestións relacionadas "cun mundo que evoluciona máis rápido”, sinala. Determinar cal é a rede máis adecuada, en función dos intereses e obxectivos profesionais, saber como xerar un maior engagement coas publicacións ou coñecer algúns “trucos” para triunfar en redes son algunhas das cuestións que se abordan neste taller. 

“Levo traballando en redes máis de dez anos e xa na primeira clase abordei algúns dos meus trucos para crear unha boa estratexia en redes. Pero, sen dúbida, o truco infalible é o contido de valor”, salienta Maquieira. “De pouco ou nada serve calquera outro se o contido non xera algún tipo de emoción”, sinala a responsable deste obradoiro, que pon tamén no foco na importancia da interacción cos seguidores. “Non se trata unicamente de publicar o teu contido”, sinala, senón que “dedicarlle tempo e ser constantes é fundamental á hora de aumentar o seu alcance”. 

Con esas ideas, Maquieira propón unhas clases nas que os participantes teñan en todo o momento o seu teléfono a man, coa idea de que ir poñendo o práctica o que van aprendendo. Nese senso, recoñece que se trata dun taller que reúne “un grupo moi variado”, polo que un dos puntos de partida foi “coñecer as súas carencias, saber o que precisan, xa sexa a nivel persoal ou profesional”, para a partir de aí achegarlles unha serie de recomendacións que poidan resultarlles de utilidade. Por exemplo, propuxo “converter en profesionais” os perfís persoais co obxectivo de ter un “maior control das estatísticas”, un aspecto clave para poder “avanzar en estratexia nas redes”. Do mesmo xeito, tamén presentou algunhas “aplicacións sinxelas” para maquetar contidos ou editar vídeos e incidiu nos múltiples factores que poden facer máis idónea unha rede ou outra.

Aprender a facer “a foto que ti queres”

A variedade de perfís define tamén o grupo que asiste nestas semanas, na Escola de Enxeñaría Forestal, ao obradoiro Fotografía creativa, que imparten Cons e Vilagudín. “Hai desde usuarios domésticos, ata un estudante de Belas Artes que quería complementar a súa formación ou unha rapaza que ten un proxecto de tocados e complementos e quere facer mellores fotos dos seus produtos....”, explica Cons dun grupo no que conflúen “moitas inquedanzas diferentes”.

De calquera xeito, engade, trátase dun grupo obxectivo común, o de “aprender a usar mellor a súa cámara”. Ese é precisamente o propósito deste obradoiro de iniciación, no que se lles achegan unhas primeiras nocións sobre tipos de obxectivos, funcionamento da cámara, diferentes modalidades de iluminación... “A idea é que saian do taller entendendo ben que é o que teñen nas mans, por que pasa o que pasa cando premen o botón da cámara”, salienta Cons. Nese senso, inicialos nesta serie de “axustes básicos” permitiralles principalmente, sinala, que poidan “conseguir a foto que teñen na súa cabeza”, aprendendo a utilizar a cámara manualmente para que non sexa esta “a que decida por eles”. Neste punto, Cons lembra que disparando no modo automático obteñen a imaxe que a cámara “pensa que é correcta, Pero moitas veces, as fotos que queremos sacar son as que consideraría incorrectas ou mal feitas”.

Con esa idea, as diferentes sesións do obradoiro combinan un achegamento teórico a esas nocións principais con prácticas de realización de retratos e bodegóns. Así mesmo, outro dos exercicios previstos é saír facer fotografías ao aire libre, coa idea de “traballar con outro tipo de luz diferente á da aula”. Na última sesión, a vindeira semana, Vilagudín e Cons buscarán achegar aos e ás asistentes “algunhas nocións básicas de edición”, así como tratar de resolver, “dun xeito un pouco máis personalizado”, diferentes “dúbidas ou inquedanzas”.  

O programa de obradoiros da Aula Crea pecharase do 23 ao 26 de novembro co taller de iniciación á creación de contidos 360º Inmersión virtual en Pontevedra, que impartirá o realizador Rubén Lázaro e para o que aínda existen prazas vacantes na plataforma Campus Activo