Dous traballos fin de máster da UVigo, galardoados pola Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa
As habilidades de pensamento crítico nun proxecto infantil sobre sostibilidade, de Sara Piñeiro Lago, e Estrategias de marketing para el fortalecimiento de fundaciones: plan de marketing de ASPANSOR, de Romina Florencia D. Agostino Gacio son os Traballos Fin de Mestrado (TFM) galardoados pola Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa, que este mércores entregou os seus premios nun acto celebrado na Reitoría da Universidade de A Coruña.
Sara Piñeiro e Romina Agostino, estudantes dos mestrados en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria e en Dirección de Empresas, Administración e xestión de empresas, respectivamente, da Universidade de Vigo recolleron hoxe os seus galardóns dotados con 1500 e 500 euros, nunha convocatoria á que concorreron máis dunha vintena de traballos de alumnado das tres universidades públicas galegas.
No acto de entrega de premios estiveron presentes a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Ares, e Carmen del Río, técnica de Comunicación de Vegalsa-Eroski. A vicerreitora remarcou que “hoxe celebramos non só a culminación de esforzo, talento e investigación, senón tamén o compromiso cun futuro máis sostible e responsable por parte do noso estudantado, que demostrou que se pode contribuír ao benestar da sociedade e ao coidado da nosa contorna desde distintos ámbitos de coñecemento”. Pola súa banda, desde Vegalsa-Eroski destacaban estar “moi contentos un ano máis pola boa acollida que tiveron os premios e polo alto nivel das propostas participantes, que son unha mostra da importancia de seguir investigando, innovando e divulgando en materia de sostibilidade”.
Ao certame presentáronse un total de 24 TFM, realizados por estudantado de universidades públicas galegas durante os anos 2023 e 2024, cualificados con sobresaliente e centrados en temas relacionados cos criterios ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza).
Un proxecto infantil e un plan de márketing, traballos gañadores
O traballo gañador de Sara Piñeiro céntrase nun proxecto de investigación educativo sobre sustentabilidade e pensamento crítico, no que participaron máis dunha decena de nenos e nenas de educación infantil. Partindo dun problema central vinculado á crise ambiental, concretamente a deforestación e os incendios nos bosques galegos, a docente introduciu preguntas clave para estimular o debate e o diálogo. Ao longo de oito sesións, o estudo concluíu que o alumnado presenta algunhas habilidades de pensamento crítico.
Pola súa banda, o TFM de Romina Florencia D. Agostino compendia estratexias de márketing para o fortalecemento das fundacións. A través do caso da Asociación de Padres de Niños Sordos de Zaragoza (Aspansor), estudáronse cales serían as accións máis efectivas para promover a transparencia, xerar contido estratéxico e fomentar unha comunicación auténtica e sostible. O seu obxectivo é crear un camiño replicable que permita ás fundacións captar máis socios e patrocinadores co márketing dixital como ferramenta clave.
O xurado do III Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Trabajo de Fin de Máster estivo composto por membros da Comisión de seguimento da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC; pola directora da Cátedra, Carmen Costa; e por tres persoas expertas das outras universidades galegas e do ámbito da consultoría. A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.
