DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de varios telescopios ubicados na terraza da biblioteca

O eclipse solar tamén foi seguido desde o campus

O acto foi organizado polos docentes do Obradoiro de Iniciación á Observación Astronómica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 10/06/2021

O eclipse de sol que se viviu esta mañá, cando a lúa pasou frente ao sol tapando parte do seu disco, tamén foi seguido desde o campus de Ourense. Na terraza da Biblioteca Rosalía de Castro, os docentes do Obradoiro de Iniciación á Observación Astronómica que cada curso se organiza neste campus puxeron a disposición das persoas interesadas varios telescopios cos que seguir a evolución deste fenómeno. O físico José Ramón Salgueiro, director deste obradoiro, e José Antonio Álvarez, presidente da Asociación Astronómica de Ourense, foron os encargados de guiar a observación, que comezou ás 10.45 h (o eclipse comezou ás 10.49 h) e se prolongou arredor dunha hora.

“Quixemos organizar esta pequena observación porque aínda que sexa un eclipse anular parcial, como é un fenómeno relativamente moi pouco frecuente, pois sempre ten interese”, comentou José Ramón Salgueiro. “Dadas as circunstancias favorables, nesta ocasión, en vez de facer a observación en Taboadela ou no observatorio que hai aquí no campus, decidimos facelo nesta terraza aberta para que a xente tivese máis a man os telescopios e puidesen ver o eclipse”, engadiu José Antonio Álvarez. Así, as persoas interesadas puideron observar a evolución do fenómeno a través dun telescopio solar e dun telescopio convencional adaptado para a ocasión no que tamén se proxectaba a imaxe do eclipse. Neste senso, durante o desenvolvemento da actividade fíxose fincapé na importancia de sempre observar o sol “en condicións de máxima seguridade para os ollos”.