DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta a toda sociedade, terá lugar este venres no Museo do Mar ás 17.00 h e retransmitido en liña

Ecobas organiza unha mesa redonda para visibilizar a investigación feita por mulleres no eido da economía e a empresa

Coa participación de expertas das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
M. Del Río DUVI 06/05/2021

O Día da Muller e da Nena na Ciencia deben ser os 365 días do ano. Con esta premisa, en Ecobas (Economics and Business Administration for Society) decidiron organizar unha serie de actividades que poñan valor a investigación feita por mulleres no eido da Economía e a Empresa. Trátase de contribuír dende o centro da UVigo a “poder retornar mellor” despois da pandemia, establecendo “unha senda de desenvolvemento máis sostible no noso país”. Así o explica María Loureiro, directora científica de Ecobas, e coordinadora do primeiro dos eventos, A ciencia ten nome de muller, que terá lugar este venres pola tarde no Museo do Mar. Tanto a comunidade universitaria como toda a sociedade en xeral poderá participar nunha mesa redonda na que participarán investigadoras das tres universidades pertencentes a Ecobas para falar “da problemática das mulleres no eido universitario, pero non so iso. Parécenos relevante afondar na cuestión de xénero nestes momentos, pois tal como se está poñendo de manifesto con indicadores científicos, as mulleres foron moito máis afectadas que os homes durante esta pandemia”.

O acto poderá seguirse tanto presencial como virtualmente a partir das 17.00 h. Tras a inauguración por parte da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, arrancará o debate con Coral del Río, Amaia Palencia e Rocío Rodríguez, da Universidade de Vigo; Emma Iglesias, da Coruña e a propia María Loureiro, da USC, todas elas investigadoras de Ecobas. A finalidade é xerar debate entre o público e as investigadoras e “contribuír a dar visibilidade ás desigualdades que existen aínda hoxe en día na sociedade en materia de xénero, e dar a coñecer o traballo que se fai dende Ecobas para estudalas, poñelas de manifesto e combatelas”. 

Esta mesa redonda será o punto de partida para unha serie de actividades de divulgación e difusión que se irán organizando dende Ecobas e nas que se abordarán distintas temáticas da man do persoal investigador do centro. 

Liñas de investigación 

Para Ecobas, o papel da muller na sociedade en xeral e no eido científico en particular é unha cuestión prioritaria, desenvolvendo liñas de investigación como as das profesoras Coral del Río e Olga Alonso, do grupo Ecosot, especialistas en desigualdades económicas, interaccións entre economía e xénero ou a segregación ocupacional por razón de sexo, entre outras cuestións. Rocío Rodríguez Daponte, que será outra das poñentes da xornada, forma parte do grupo de traballo encargado do estudo da igualdade de xénero dentro da Cátedra Ardán, mentres María Loureiro, economista ambiental, analiza dende distintas perspectivas o papel crucial da muller no desenvolvemento sostible. Xunto coa profesora Belén Trigo, traballan noutro aspecto social moi relevante no eido do fogar e moi pouco estudado: a violencia económica. Completa a mesa redonda a catedrática Emma Iglesias, directora do Departamento de Economía da Universidade da Coruña.

As desigualdades reais

Pero a xornada, ademais de dar visibilidade ao papel das mulleres na investigación en economía e empresa, tamén ten como finalidade poñer de manifesto as desigualdades que aínda existen a nivel social, económico e laboral no relativo ao xénero a través de diversos estudos realizados polas investigadoras de Ecobas. A catedrática Coral del Río explica que “no eido das ciencias sociais, as mulleres están igualmente infra-representadas nos cadros docentes e, en especial, nos cadros de postos académicos elevados. Tamén no relativo ao alumnado hai unha menor representación feminina nalgunhas formacións xa que, aínda que nas titulacións de Administración e Dirección de Empresas o número de alumnas e alumnos é semellante, no caso das titulacións de Economía a porcentaxe de mulleres non chega ao 40%, segundo datos do Ministerio de Educación e Formación Profesional”. Engade a docente que “o desequilibrio vai en aumento no posterior desenvolvemento do labor profesional, xa que as mulleres non son que de brillar e ocupar postos con responsabilidade na toma de decisións. De feito, se analizamos as empresas cotizadas no IBEX35, vemos que a igualdade de xénero non existe. Das 35 empresas, so 3 están dirixidas por mulleres, e moi poucos consellos directivos teñen unha couta do 40% de composición feminina”.

Esta preocupación pola igualdade real de xénero trasládase ao día a día do centro. Por exemplo, nos seus tres órganos de dirección (Comité de Dirección, Consello Científico e Comité Asesor Externo) púxose especial coidado en ter, como mínimo, tantas mulleres coma homes. Sen embargo, apunta a súa directora científica e coordinadora das xornadas, María Loureiro, “a fenda segue aí. Durante a nosa etapa coma Agrupación Estratéxica, o número de homes superaba ao de mulleres en todas as categorías, e no caso das cátedras de universidade, era do dobre”. Esta preocupación seguirá presente na nova etapa que se abre para Ecobas, no seu proceso para obter o recoñecemento coma Centro de Investigación Interuniverstario, 

Para asistir presencialmente á xornada aínda quedan algunhas prazas libres que se poden reservar enviando un correo a ecobas@uvigo.es indicando nome, apelidos e teléfono móbil. Tamén se pode asistir á xornada de xeito virtual a través da canle de UVigo TV no seguinte enlace: https://tv.uvigo.es/live/5b60870c8f4208dd20625884