DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Foro Económico de Galicia

A economía galega recupera o seu dinamismo

O PIB autonómico medrou un 17,5% no segundo trimestre de 2021

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 28/09/2021

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este martes o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2021. Nel destacan que “un ano despois do shock, a economía galega recupera o seu dinamismo”. Da súa análise económica subliñan datos tales como que o PIB autonómico medra un 17,5%, que Galicia incrementa o seu gasto público máis que o resto do estado e que medra o emprego feminino, pero baixa a calidade dos contratos.

O documento, presentado na sede de Abanca en Santiago de Compostela, foi elaborado no marco do Foro Económico de Galicia polos profesores da Universidade de Vigo Patricio Sánchez e Santiago Lago, xunto co economista José Francisco Armesto e baixo a coordinación de Fernando González Laxe. Contén ademais unha análise do investigador do Grupo Gen Miguel Rodríguez sobre economía circular.

Segundo indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, "hai xusto un ano, no segundo trimestre do 2020, Galicia, como o resto de España e a UE, sufriu a maior contracción económica da historia recente, e o PIB galego caía un 17,9%". Neste novo informe relativo ao segundo trimestre do 2021, os analistas “constatan unha medra do 17,5% respecto ao segundo trimestre do ano anterior. Este dinamismo é idéntico ao experimentado pola economía española e de maior intensidade en comparación co conxunto da UE-27 (13,8%) e os países da zona euro (14,3%)”. Con todo, engaden os autores do informe presentado este martes, a recuperación hai que considerala aínda como “incompleta”, tendo en conta que o PIB real aínda se atopa 4,2 puntos por baixo do nivel prepandemia, o que supón un mellor comportamento que a economía española (8,4 puntos por baixo).

Reactivación en case todos os sectores

“Esta reactivación da actividade económica en Galicia e en España no segundo trimestre do ano vén motivada por una achega positiva da demanda interna (18,5 puntos), o que contrasta cunha achega negativa do sector exterior en Galicia”, recolle o documento. Todos os compoñentes da demanda interna “amosan taxas interanuais positivas”, indican os economistas ao tempo que salientan o maior incremento do gasto público en Galicia (8,2 fronte ao 0,9 en España) e tamén no consumo das familias (Galicia 23,4 fronte ao 4,7 do conxunto de España). Na comparativa pre-crise, desde o Foro Económico resaltan que “só o gasto público presenta en Galicia e en España valores superiores aos do cuarto trimestre de 2019” e que “tanto o gasto privado como o investimento presentan unha evolución similar en Galicia”. Ademais destacan “o acusado diferencial no caso das exportacións (-2% fronte ao -14,3% en España)”.

En canto á oferta, os analistas indican que a reactivación en Galicia e en España rexístrase en todos os sectores, agás no sector primario que presenta unha contracción do 3,6% fronte ao 6,7% en España. “Tanto en Galicia como en España os sectores de administración pública, sanidade, educación, actividades financeiras e de seguros presentan no segundo trimestre deste ano valores superiores ao nivel prepandemia, rexistrándose en Galicia as maiores caídas no caso da construción, as actividades artísticas e recreativas”, apuntan.

Oito de cada dez empregos parciais son femininos

A reactivación permite segundo os economistas que elaboraron o informe “falar dun incremento do número de activos, máis intenso no caso das mulleres que dos homes e dunha recuperación en termos agregados”. En relación ao nivel prepandemia, o número de horas traballadas (EPA) medra un 35,5%, acadando xa o seu nivel anterior a esta crise. A pesar desta mellora, Galicia mantense como a segunda autonomía coa participación laboral máis reducida tras Asturias e a quinta coa taxa de ocupación máis baixa. No segundo trimestre do 2021 a taxa de actividade ascende, segundo indican os autores do informe, ata o 52,5% (58,6% no conxunto do estado) e a taxa de ocupación ata o 46% fronte ao 49,6% en España. Galicia sitúase nun posto intermedio no ránking autonómico na taxa de paro cun 12,4% fronte ao 15,3% do conxunto de España.

A pesar do impacto positivo no eido laboral, os analistas do Foro Económico advierten dun deterioro da calidade do emprego: maior intensidade do traballo a tempo parcial, medra de asalariados con contrato temporal e redución dos contratos indefinidos. “Compre mencionar o incremento da desigualdade entre homes e mulleres atendendo a evolución do peso relativo do emprego parcial entre as mulleres: oito de cada dez empregos parciais son femininos”, sinalan.

Por último, no que respecta á análise sobre economía circular que recolle o informe nel advírtese “da intensificación da globalización coa entrada de China na Organización Mundial do Comercio en 2021, feito que poñe en evidencia a necesidade dun cambio cara a modelos de desenvolvemento económico máis sostibles”. O autor advirte da necesidade dun debate sobre o papel da economía circular e a súa incorporación nos plans estratéxicos das administracións públicas e das empresas.