DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade disporá de tres plantas neste inmoble da Xunta de Galicia 

O edificio de Benito Corbal acollerá o grao en Deseño, a sede do Campus Crea e ao grupo de investigación de Mario Pansera

Está previsto que as obras de acondicionamento rematen en xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/04/2021

As tres plantas cedidas á Universidade de Vigo no rehabilitado edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa de Benito Corbal en Pontevedra converteranse na sede do Campus Crea, no espazo no que se imparta a docencia do futuro Grao en Deseño e no lugar de traballo do grupo de investigación do proxecto Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation), co que o investigador Mario Pansera resultou gañador dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Así o anunciou este venres o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, na visita realizada xunto ao vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, ás obras de acondicionamento destas plantas.

“O edificio vai xogar un papel importantísimo nos tres eidos principais que temos que desenvolver como Universidade, a docencia, a investigación e a transferencia”, salientou o reitor nun acto no que tamén participaron os vicerreitores do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, así como a comisionada de Coordinación Institucional da Universidade, Elena Rivo, e o director do Campus Crea, Carlos Souto. Segundo explicou Rueda, os traballos de acondicionamento das plantas quinta a sétima deste inmoble atópanse xa na súa “fase final”, polo que está previsto que as obras rematen en xuño e poidan "empezar a ter vida" antes de que remate 2021.

Dous proxectos europeos que achegarán talento de “primeiro nivel” a Pontevedra

No referido á investigación, Reigosa puxo o acento na “importancia que ten para nós como Universidade e especialmente para o campus de Pontevedra a fichaxe de Mario Pansera”, que en febreiro se incorporaba á UVigo como gañador dunha Starting Grant. “Para un científico, conseguir financiamento do ERC son palabras maiores”, salientaba Reigosa da relevancia que para a institución ten sumar “aos que xa tempos, investigadores que sexan referencia internacional”, como Pansera, “un doutor que se disputaban diferentes universidades do mundo porque ten un proxecto do máximo nivel”.

O edifico de Benito Corbal será a sede do Post-growth Innovation Lab, o grupo que este enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Nápoles-Federico II e doutor en Administración pola Universidade de Exeter creará ao abeiro do proxecto Prospera, financiado con 1,5 millóns de euros polo ERC. A esta investigación, que ten como obxectivo desenvolver nun marco conceptual alternativo á formulación actual da economía circular, sumarase o proxecto H2020 Justice, coordinado tamén por Pansera e que contará cun orzamento de 3,6 millóns de euros. Segundo apuntou Reigosa na súa presentación, neste proxecto, coordinado xunto a Autónoma de Barcelona, participarán cinco universidades e dous centros de investigación europeas, así como dúas universidades africanas e outra serie de organizacións de ambos continentes.

Reigosa subliñou o papel que estes proxectos van xogar en materia de "captación de talento internacional de primeiro nivel” para o campus. Nese senso, como recollía esta presentación, Prospera permitirá atraer tres investigadores posdoutorais, procedentes das universidades de Cambridge, Leeds e da Manchester Metropolitan University e un xestor do proxecto, aos que se sumarán tamén investigadores predoutorais, a través dunha convocatoria á que concorreron candidatos de diferentes países. Prospera é ademais un proxecto que, como sinalou o reitor, se sitúa “na fronteira do coñecemento que ten que ver coa economía e co desenvolvemento das cidades”, xa que se tata dunha investigación centrada no “poscrecemento” e nunha economía “moi ligada ao territorio”, cuxos resultados “poden axudar a mellora do tecido económico e social de Pontevedra e de Galicia”.

Sede do Grao en Deseño

No eido da docencia, está previsto que este inmoble acolla o futuro Grao en Deseño, pendente, como lembrou Reigosa, “dalgúns atrancos burocráticos” previos á súa aprobación, que prevé poidan resolverse "en breve” O reitor sinalou que, pese a que non se sabe de momento “se imos empezar dentro dun ano ou de dous”, trátase dunha titulación “que é un pouco unha clave de bóveda” dentro do proxecto de especialización Campus Crea. Trátase, engadiu, dun grao novo, que Vigo sería a sétima universidade española en impartir, “pero sumamente atractivo”, que vai incrementar o interese por “un dos campus máis proactivos en materia de captación de alumnado de todo o Sistema Universitario de Galicia”. Con 45 prazas, contará cunha mención en deseño gráfico e dixital e outra en deseño de moda que, apuntou o reitor, “van xogar un papel importante na formación de egresados que poidan mellorar o tecido económico e social”.

Fortalecemento do Campus Crea

A cesión destas tres plantas contribuirá tamén ao “fortalecemento do Campus Crea”, segundo se sinalou nesta presentación. En concreto, a sétima planta estará destinada á "área Crea" e contará cun espazo de “virtualización e montaxe”, zonas flexibles de reunión e coworking, nas que se buscarán “sinerxías co ámbito empresarial”, ademais de acoller a dirección e coordinación do proxecto de especialización. A sexta planta será a destinada á área académica, con “espazos polivalentes para a formación”, mentres que a quinta será destinada á área de emprendemento e captación de talento, con espazos de traballo común e zonas de reunión.

Un “pulmón de coñecemento” no corazón da cidade

“Queremos que este edificio sexa un pulmón de coñecemento e de talento”, salientou Jorge Soto neste acto, no que presentou o Campus Crea e o proxecto internacional Green Campus, polo que Pontevedra foi o primeiro campus de España recoñecido coa bandeira verde da Foundation for Enviromental Education, “O Campus Crea aposta pola especialización a través da arte, a comunicación e a creatividade; a educación, a innovación social e a xestión pública, o deporte, a saúde e o benestar, e o medio ambiente e natureza”, salientou o vicerreitor, que destacou que as liñas de especialización do campus responden á súa vez cos “principais puntos da Axenda 2030. De aí que incidise en que se trata dun campus “que está a medrar cada día” e ao que a sede de Benito Corbal “vén a incrementar moito máis o seu valor académico”. Nesa mesma liña, o reitor salientou que estas plantas teñen unha “importancia capital” para a Universidade, ao situala “no corazón” da cidade, e contribuír así ao papel que quere desenvolver a carón “do tecido económico e empresarial e da sociedade”.

Tamén o vicepresidente da Xunta puxo en valor o “esforzo” da institución académica “por ser parte da cidade”, aspecto ao que contribuirá a cesión deste inmoble, co que a UVigo “queda definitivamente asentada no centro de Pontevedra”. Segundo informou a Xunta, no mes de abril autorizáronse obras de mellora sobre o proxecto inicial nestes tres andares, polo que a administración autonómica elevou a consignación inicial de 900.000 euros a algo máis dun millón na segunda fase dos traballos de rehabilitación do edificio, a que afecta ás plantas que se cederán á Universidade e á destinada á Fundación Manuel Moldes, artista e docente da Facultade de Belas Artes, falecido en 2017.