DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto no que participaron familiares de Teresa Roqueta

Educación lembra aos fundadores da Escola Laica Neutral de Ourense

O centro funcionou desde o ano 1909 ata 1936 cun modelo pedagóxico innovador

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 17/11/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense organizou este mércores unha conversa na que se lembrou aos fundadores da Escola Laica Neutral de Ourense, Teresa Roqueta Vila e Hipólito Sinforiano Luengo. O acto contou coa participación de Mireia e Yolanda Roqueta Fontiguell, familiares de Teresa Roqueta, e de Xosé Manuel Cid, decano do centro organizador e especialista en Historia da Educación. A actividade permitiu ao alumnado asistente achegarse a esta escola laica tanto desde un punto de vista humano, a través das lembranzas dos familiares dos seus fundadores, como pedagóxico, a través da súa historia e da súa relevancia no contexto educativo da época. 

A Escola Laica Neutral de Ourense, lembrou Xosé Manuel Cid, funcionou no Xardín do Posío desde o ano 1909 ata 1936, cando se desata a Guerra Civil e os seus fundadores foron detidos e trasladados a Barcelona. “Teresa Roqueta Vila e Hipólito Sinforiano Luengo trouxeron a Ourense o que era un modelo pedagóxico innovador no momento, dunha escola laica, sen relixión, onde se propuña a coeducación de sexos, hoxe xéneros, e de clases sociais, no senso de que se podían pagar segundo as posibilidades económicas familiares”. O obxectivo desta escola era, sinalou, formar cidadáns libres, con capacidade crítica e de libre pensamento, en consonancia coa súa forte confianza na educación para a construción dun futuro mellor. O centro, indicou Cid, estaba sostido polas sociedades de instrución provinciais de emigrantes en Cuba e Arxentina, e propuña unha pedagoxía moi activa e moi diferente ás escolas relixiosas e as escolas públicas, que “tiñan unhas condicións moi deterioradas”, daquel momento.