DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa programación desenvolverase ao longo deste ano

Educación e Traballo Social crea unha Aula Aberta para fomentar o uso do galego e a reflexión crítica

A primeira sesión abordará temas como a divulgación científica neste idioma e feita por mulleres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Lingua Galega
  • Académica
DUVI Ourense 23/03/2022

Co dobre obxectivo de fomentar o espírito crítico e o uso do galego, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense pon en marcha unha Aula Aberta. Trátase, explican desde o centro, dun espazo de reflexión crítica e participación aberto á comunidade universitaria e á sociedade en xeral no que se abordarán dende diferentes perspectivas aspectos como o papel das mulleres na ciencia, os prexuízos lingüísticos, a infancia e mocidade en risco de exclusión social, as migracións ou os conflitos ao redor da construción da identidade.

A iniciativa quere contribuír a fortalecer o plan de normalización en galego que ten o centro nos seus Graos de Educación Infantil e Educación Primaria e conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística e a Unidade de Igualdade da UVigo. A súa programación para este curso académico leva o lema Á espreita dos ríos subterráneos xa que, indican desde a facultade, a aula busca que a espreita leve á reflexión crítica e á análise sosegada. “As correntes subterráneas teñen de abrollar, saír da invisibilidade no Campus Auga, para revelarse en todas as súas dimensións, por veces dramáticas, por veces silenciadas, mais sempre latentes nunha sociedade que se quere equitativa, xusta e respectuosa”, sinalan. A cultura, engaden desde a organización desta acción, “será o instrumento; os seus produtos, a materialización dos afáns de cambio; a curiosidade, o mellor dos recursos, e a ollada escrutadora, atenta e vixiante, a canle para a mudanza”.

Activar ao alumnado

“Nunha facultade de Educación como a nosa debe haber espírito crítico e a busca da reflexión madura, de ter unha postura na sociedade”, explica Isabel Mociño, profesora e vicedecana do centro organizador e xunto á tamén profesora e vicedecana Ana Mª Iglesias responsable do seu plan de normalización. Porén, advirte, en xeral “temos un alumnado moi pouco crítico, moi acomodado e pouco mobilizado, sendo incluso ás veces difícil saber o que pensan porque non ten unha postura activa ou de intervención”. Esta dinámica, apunta a docente, veuse agravada polo momento histórico no que estamos a vivir pola covid-19. “A pandemia fíxonos máis mudos”, afirma. Neste contexto, e tendo en conta que a Facultade de Educación e Traballo Social forma a futuros mestres e mestras que á súa vez formarán ás futuras xeracións, Isabel Mociño sinala a necesidade de “activar nos estudantes esa resposta como persoas que están nun medio e que teñen que coñecer as problemáticas que hai nel e saber interpretalas”. Se estes futuros mestres e mestras non teñen espírito crítico, comenta, é imposible que consigan logo transmitirllo ás futuras xeracións que elas e eles formarán cando sexan mestres e mestras.

Ese espírito crítico e esa reflexión tamén se traslada ao uso do galego nesta iniciativa. Así, desde a súa organización sinalan que aínda que o alumnado universitario ten moitas competencias lingüísticas en galego, a decisión de usalo ou non é tamén froito dunha reflexión e dun compromiso con este idioma e co seu futuro. Igualmente, este espírito trasládano a cuestións sociais “que ás veces quedan máis ocultas ou en segundo plano pero que son desde o noso punto de vista aspectos que un docente debe ter a sensibilidade suficiente como para observalas e reflexionalas e polo tanto ter unha posición ante elas”, como poden ser a presencia da muller na ciencia ou as migracións. Por último, a iniciativa, en relación con esta ollada crítica, tamén quere fomentar no alumnado o interese por ler, incorporando en cada sesión a lectura comentada de varios libros en galego.

Primeiras sesións

A programación arranca este mércores cunha sesión titulada Ríos subterráneos: o murmurio das augas coa “que queremos reivindicar que a lingua galega é tamén lingua desde a que se pode facer ciencia e divulgar o coñecemento científico e ademais incluso desde a voz das mulleres”, segundo indican desde a súa organización. Contará coa participación de Luísa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica CSIC Galicia, e Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro. A primeira falará de cuestións como a divulgación científica en galego e a divulgación desde unha perspectiva de xénero; a segunda sobre os recursos en liña e en aberto que hai en lingua galega de divulgación científica en diferentes campos do saber. Ademais, comentaranse dúas obras escollidas como lecturas para o debate nesta sesión: Puf!, vaia peido (Editorial Galaxia) e Que teñen que ver as vacas co cambio climático (Editorial Hércules).

As actividades este curso académico continuarán o 28 de abril achegándose neste caso “aos prexuízos lingüísticos que seguen moi presentes, ao tema do auto-odio, o non identificarte co propio e a renuncia”. A sesión, titulada Ríos subterráneos: puxa nos prexuízos!, comezará coa representación teatral A parábola do angazo, de Talía Teatro, co obxectivo de que “desde a teatralidade nos poidamos tamén rir un pouco de nós mesmos ante os prexuízos lingüísticos”. Seguiranlle as intervencións de Raquel Castro, docente e escritora que ten tratado estes prexuízos ás súas obras, e Miguel Rodríguez Carnota, docente e investigador que centrou a súa tese de doutoramento tamén nestas cuestións. Nesta sesión as lecturas a debate son A vendedora de palabras (Editorial Fervenza) e Lingua, poder e adolescencia (Editorial Xerais). A programación da Aula Aberta continuará co inicio do curso 2022/2023.