DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco das investigacións que desenvolve neste eido o CIF Lourizán

A EE Forestal analiza se a madeira serrada de árbores resinadas pode ter usos comerciais

Analizan os efectos de diferentes métodos de extracción nas súas “propiedades físico-mecánicas”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/07/2021

Desbotar a idea de que coa madeira dunha árbore empregada previamente para a extracción de resina “o único que podes facer é leña” constitúe, como sinala o profesor da EE Forestal Óscar González Prieto, o obxectivo do estudo que desenvolven nesta escola en colaboración co Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán. No marco das investigacións do CIF sobre métodos de resinado que compatibilicen a produción de resina coa de madeira, no centro do campus pontevedrés encárganse de analizar as propiedades mecánicas e físicas de madeiras procedentes dunha serie de exemplares de piñeiro país (Pinus pinaster), dos que previamente se extraeu resina a través diferentes métodos.

“O obxectivo real deste traballo é desmentir dalgunha maneira esa idea de que unha vez se resina unha árbore, xa non se pode aproveitar esa madeira serrada”, sinala González Prieto, que destaca que os primeiros resultados amosan que, se ben existen certas diferencias, “non son tan grandes como para inutilizar o seu uso como madeira serrada, e ademais o seu efecto queda restrinxido á zona de afección do proceso”. Este traballo, engade “é consecuencia dun proxecto máis amplo do CIF, dirixido a obter o máximo rendemento das árbores galegas”, e que abrangueu a análise de “diferentes tipos de resinados”, xa que, como engade este investigador, “en función do método que utilices a madeira pode verse máis ou menos afectada”. 

Unha primeira análise con preto de 2000 pezas

Como continuación a un estudo sobre diferentes métodos de extracción da resina realizado polos investigadores do Departamento de Silvicultura e Mellora Forestal do centro de Lourizán Esteban Gómez e Alberto García, baixo a supervisión do responsable do CIF, Enrique Martínez Chamorro, na EE Forestal analízanse os seus efectos na resistencia, así como na densidade das madeiras. Nesta colaboración insírese, de feito, o estudo que a alumna Rosa Alegre desenvolve para o seu traballo de fin de grao, con González Prieto como titor, cunha serie de táboas de Pinus pinaster que lles proporcionaron desde o CIF Lourizán.

Concretamente, Alegre atópase realizando “preto de 2000 ensaios” cun grupo de madeiras “resinadas por unha cara”, aquelas nas que se realizou un único corte ao tronco para a extracción, outras “resinadas polas dúas caras” e un terceiro grupo no que non se realizou esta operación. “O que estou facendo é comparar as características físico-mecánicas destas táboas, por exemplo rompéndoas de diferentes maneiras”, explica Alegre, que ademais da resistencia ou dureza das pezas analiza tamén a “contracción lineal e volumétrica”, así como as diferencias en materia de densidade e niveis de humidade.

A posibilidade de diferentes aproveitamentos

Como explica González Prieto, nas últimas décadas produciuse un “declive” no aproveitamento da resina procedente de árbores como o piñeiro país, “porque apareceron substancias sintéticas de substitución moito máis económicas”, pero que implicaban á súa vez uns “condicionantes medioambientais”, que están a provocar “que agora se retome o interese” pola resina en industrias como as da cosmética. De aí que, como engade Alegre, a súa extracción poida tanto converterse “nun ingreso maiores na explotación das masas forestais, sen chegar a prexudicar o ingreso esperado pola madeira”. Nese senso, os resultados desta serie de ensaios, ademais de para o seu TFG, servirán tamén para abordar a compatibilidade desta actividade cos “moitos fins que ten a madeira”, xa que se ben nuns sectores, como o do mobiliario, sería máis relevante a súa resistencia, noutros usos, como os solos, un factor clave é que “esta non se dilate moito”. Nesa mesma liña, González Prieto sinala que esta liña de colaboración podería ampliarse posteriormente co “estudo doutras propiedades, como por exemplo a influencia química do resinado”.