DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A partir das medicións realizadas este luns cun láser escáner portátil 

A EE Forestal xerará unha imaxe tridimensional do carballo de Santa Margarida

Permitirá coñecer con exactitude a súa altura ou o diámetro de tronco e ramas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/01/2023

Xerar un modelo tridimensional do carballo de Santa Margarida. Este é o obxectivo dos traballos que investigadoras da Escola Enxeñaría Forestal levarán a cabo cos datos obtidos nas medicións realizadas na mañá deste luns desta árbore centenaria cun láser escáner portátil. Enmarcada na colaboración da escola coa asociación cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida, esta iniciativa permitirá “capturar como é exactamente” unha árbore con máis de 500 anos de historia, como explica o director da escola, Juan Picos. O procesado da nube de puntos obtida nesta xornada con tecnoloxía LiDAR permitirá nese senso xerar unha “imaxe tridimensional” que faga posible tanto coñecer con exactitude as dimensións e estrutura deste exemplar de Quercus robur como xerar “reproducións a diferentes escalas do carballo”, apunta Picos.

“O que imos facer é virtualizalo, recrear exactamente como é o carballo”, sinala o director da EE Forestal dunha iniciativa dirixida a contribuír “á conservación virtual” desta árbore, de tal xeito que, con independencia do que lle poida acontecer a un exemplar cunha “saúde delicada”, no futuro poida saberse exactamente “como era o carballo”. Con ese propósito, os traballos nos que participaron a profesora da EE Forestal Julia Armesto e as investigadoras Laura Alonso e Ana Solares abrangueron tanto as medicións cun láser escáner Geoslam de toda a contorna na que se empraza esta árbore, como a toma de datos cun GPS para poder “xeorreferenciar a nube de puntos” xerada cos datos obtidos co dispositivo LiDAR, explica Armesto. 

Á realización destas medicións asistiron a presidenta da asociación cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida, Esther Portela, e a vicedirectora do IES Luis Seoane, María Xosé Dourado, entidades que impulsaron a candidatura do carballo para ser o representante español na elección da Árbore Europea do Ano 2023, votacións nas que rematou en terceiro lugar. Tamén asistiu a estas medicións a profesora de Belas Artes da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid Ana Balboa, coa idea, explica, de coñecer “como se está facendo a dixitalización desta árbore e ver a posibilidade de empregar algún tipo de tecnoloxía parecida nun proxecto no ámbito da escultura”. Nese senso, Picos subliñou o positivo da colaboración con investigadores doutros ámbitos, “algo que forma parte da filosofía do Campus Crea”. 

Da información á divulgación

Como explica, Armesto, o dispositivo empregado permite xerar unha “nube de puntos tridimensional do carballo e da súa contorna, que nos permite estudar a súa xeometría”, achegando unha serie de coordenadas “que nos revelan como é a fisionomía da árbore”. O procesado desta información permitirá xerar esa imaxe tridimensional, así como coñecer diferentes parámetros xeométricos, como o diámetro de tronco e pólas ou a súa altura. “Isto logo permitiría facer unha análise comparada, repetindo a medición para ver se a árbore crece en altura ou en volume, se medraron as súas pólas...”, engade esta docente. 

Alén disto, as medicións permiten tamén xerar unha imaxe tridimensional que podería servir para reproducir a diferentes escalas como era “a estrutura real” da árbore, apunta Picos, que incide na utilidade que podería ter esta imaxe dixital do carballo en labores de divulgación. Do mesmo xeito, explica, a obtención de datos “como o diámetro ou o peso de cada póla” fan que, “aínda que non está previsto, puidera utilizarse tamén en estudos de estabilidade mecánica”, nos que coñecer posibles “descompensacións” na árbore. 

“O carballo de Santa Margarida é o ser vivo máis antigo de Pontevedra, polo que ten todo o sentido que recollamos del toda a información posible, pensando tamén nas xeracións futuras”, engade Picos dunha iniciativa que se insire na colaboración da escola coa asociación. Previamente, a EE Forestal elaborara “unha proposta de actuacións” para mellorar a súa conservación, que permitiu a este colectivo levar a cabo, cunha axuda da Xunta de Galicia, unha serie de accións, como “a realización de perforacións para a respiración das raíces” ou a poda dalgunhas pólas. Esta colaboración, de feito, foi recentemente recoñecida polo IES Luis Seoane coa doazón de partes destas ramas á xiloteca da escola, xunto coa entrega á Universidade de dúas plántulas nacidas das landras deste carballo, que pasarán a formar parte no futuro do arboreto do campus.