DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A instalación artística do estudante de BBAA Ignacio Pérez está na pasarela de acceso á ampliación

A EE de Telecomunicación loce co ‘son do Sol’

Plasma nunha imaxe as pistas de audio que reflicten as oscilacións e variacións solares

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Estudantado
  • Cultura
M. Del Río DUVI 14/01/2021

A pasarela que une o edificio principal da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coa ampliación do centro luce xa un novo aspecto. O alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Iñaki Pérez Folgado é o autor da instalación artística coa que gañou o concurso impulsado pola escola viguesa en colaboración co Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea co propósito de mudar certos espazos comúns da EET.

A súa proposta, bautizada como Ao son do Sol, parte do procesado que o investigador da Universidade de Stanford Alexandre G. Kosovichev realizou das medicións das oscilacións e variacións solares tomadas pola sonda espacial Soho para convertelas en pistas de audio perceptibles polo oído humano. Iñaki Pérez foi un paso máis aló e apostou por converter ese audio en imaxe. Para iso plasmou nunha gráfica unha destas pistas xeradas por un software de edición de son, sen alteracións, ao longo da pasarela. Trátase, en concreto, dunha das tres pistas xeradas no proxecto Michelson Doppler Imager a partires da interpretación das imaxes tomadas pola sonda da NASA e a Axencia Espacial Europea (ESA) durante 40 días. Con esta imaxe, Pérez Folgado quere achegar “unha visión diferente pero que reúna todos os estudos científicos, técnicos e matemáticos que se agochan tras a obtención dese audio tan particular”, como el mesmo explica.

O reto de transformar un espazo

A gráfica reprodúcese a través dunha serie de vinilos, nun trazado paralelo a ambos lados da pasarela en cor branca. A intervención prodúcese nun corredor elevado e acristalado con vidreiras, a través do que a natureza da contorna entra no centro. É un espazo de moito tránsito ao longo do día, polo que aqueles e aquelas que atravesan este corredor poderán ir observando ao seu paso “as oscilacións e formas únicas xeradas pola enerxía solar”, algo, engade, “do que que xamais poderíamos ser testemuñas se non fóra pola axuda de instrumentos e análises científicas”. 

O creador amósase “moi contento co resultado, xa que se respectou a idea orixinal en todo momento e tamén moi agradecido aos organizadores”. A súa intervención é a segunda que se realiza na EET no marco da colaboración entre a escola e o programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea; a primeira delas, Luz Fractal, da estudante Laura Antelo, centrouse no vestíbulo do centro. Neste sentido, Pérez Folgado aposta por darlle continuidade e ampliar a esta iniciativa contando co alumnado da Facultade de Belas Artes para intervir “non só nos espazos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, senón con calquera espazo da Universidade de Vigo”.

O proxecto completarase coa edición dunha serie de serigrafías que a escola xa emprega como agasallo institucional. Para estas, Pérez Folgado optou por empregar esta gráfica do Son do Sol xunto cuns recadros que enmarcan 0,75 segundos desta pista e que fan única cada unha das estampas.  

Unha reprodución “píxel a píxel”

Para o artista, un dos aspectos máis relevantes deste proxecto era que “a imaxe, ou mellor dito o rexistro gráfico producido pola pista de audio” se presentase “directamente, sen filtros, nin manipulacións” co obxectivo de “gardar a pegada ou sinal característico dese son, coas súas oscilacións, pausas ou ritmos”, reproducindo “practicamente píxel e píxel” esa representación gráfica da pista, converténdoa así nunha “obra plástica, visual e tanxible”. 

Para facelo posible, Pérez Folgado tivo que pasar a imaxe pixelada a unha imaxe vectorial por medio do software libre Gimp. “Esta parte quizás foi a máis laboriosa ata atopar a calibración perfecta para que a liña vectorial respectase a diferencia de cor dun pixel a partir dunha selección, obtendo así unha imaxe vectorial exactamente igual á imaxe pixelada, de maneira que a máquina que corta o vinilo puidese interpretar a imaxe exacta”. O seguinte paso foi escalar a imaxe vectorial á lonxitude da pasarela, duns 35 metros, para posteriormente facer un despece “coincidindo cos panos da cristaleira”. Con isto, conseguiuse que “o grosor das liñas correspondan ao ancho dun píxel”.