DUVI

Diario da Universidade de Vigo

SolidWorks, Ansys e Excel, en formato presencial entre xuño e xullo

A EEI oferta catro obradoiros prácticos para reforzar as competencias dixitais do seu alumnado

O obxectivo da escola é complementar o currículo de estudantes e egresados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
Rebeca López Villar DUVI 06/04/2021

Volven os obradoiros de formación complementaria á Escola de Enxeñería Industrial. Coa intención de achegar ferramentas e recursos informáticos útiles no eido profesional a alumnado e persoas tituladas, a escola planifica para os meses de xuño e xullo catro cursos presenciais sobre os programas SolidWorks, Ansys e Excel. Ignacio Armesto, organizador dos obradoiros e profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, sinala que estas formacións serven tanto para mellorar as capacidades do estudantado como para incrementar as competencias dixitais de graduadas e graduados que xa se atopan traballando.

Nesta liña, Armesto comenta que esta oferta formativa “nace a petición do alumnado, que bota en falta a posibilidade de afondar no coñecemento práctico dalgunhas tecnoloxías ou ferramentas moi empregadas no ámbito profesional da súa especialidade”. Incidindo nestas relacións co estudantado, o docente anima aos alumnos e alumnas a comunicar as carencias formativas que atopen, “pois así naceron moitos dos cursos realizados nos últimos 10 anos: Catia, Cype, Python, iOS, Android, Arduino, Impresión 3D, etc.”. 

Dous cursos sobre fundamentos de deseño técnico con SolidWorks

O alumnado interesado no deseño técnico industrial baseado na aplicación de ferramentas CAD, Computer Aided Design, ten a posibilidade de matricularse nunha das dúas convocatorias do curso de fundamentos de deseño co programa SolidWorks. Os cursos contan cunha serie de módulos teóricos que abordan conceptos básicos deste software, como as funcións, configuracións, modos de traballo 2D/3D, etc. Así mesmo, as persoas inscritas coñecerán técnicas de deseño e modelado con sólidos, ensamblaxes, superficies e chapa, e aprenderán metodoloxías de documentación, coa xeración de vistas frontais, proxeccións, visas isométricas e auxiliares e prácticas de simulación FEM. 

Pola grande acollida doutros anos, a organización opta por ofertar dúas edicións desta formación: a primeira entre o 8 e o 24 de xuño e a segunda entre o 15 e o 30 de xullo. O prazo de inscrición esténdese ata o sete de xuño, no primeiro caso, e ata o 14 de xuño, no segundo. As sesións serán impartidas en horario de mañá na Escola de Enxeñería Industrial por Abraham Segade, do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos da UVigo, e Enrique Paz, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática. Aínda que existe a posibilidade de obter unha bolsa de 110 euros, o prezo desta formación de 60 horas é de 240 €. 

Introdución á simulación FEM e CFD con Ansys

Tamén entre o 15 e o 30 de xullo terá lugar un obradoiro sobre as características principais de Ansys, unha serie de programas CAE, Computer Aided Engineering, que dá acceso a múltiples campos de enxeñaría que requiren un proceso de deseño. O curso abrangue dúas técnicas de simulación por computador, o método dos elementos finitos, FEM, e a dinámica de fluídos por computador, CFD. Os contidos teóricos desta formación comprenden a introdución á simulación polo método dos elementos finitos, a achega ao programa Ansys, o modelado, a importación, o traballo con grellas e a introdución ao módulo FEM con evolución temporal e con dinámica de fluídos. 

O calendario de traballo está distribuído en tres módulos: un básico de 45 horas e dous específicos de FEM e CFD. O estudantado terá que elixir un destes dous módulos, xa que se impartirán de xeito simultáneo. Con 70 horas de docencia e traballo autónomo, o importe da matrícula, aberta ata o 14 de xullo, é de 290 € e de 110 € con bolsa.

Análise avanzada da información con Microsoft Excel

Co fin de proporcionar coñecementos avanzados de análise e tratamento de información con Microsoft Excel, a escola propón un programa de 40 horas cunha serie de módulos teóricos e prácticos que se levarán a cabo entre o 11 de xuño e o 3 de xullo. Os módulos teóricos inclúen unha introdución ao software, o concepto e aplicación dos macros, editores VBA, táboas dinámicas, listaxes avanzadas, referencias mixtas e intercambio de información con Microsoft Word, PowerPoint e Access. Nas sesións prácticas, o alumnado deberá realizar exercicios relacionados cos contidos teóricos do curso.

Todas as xornadas terán lugar na Escola de Enxeñería Industrial os venres de 16 a 21 horas e os sábados de 9 a 14 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 10 de xuño e o prezo da matrícula é de 150 €, con posibilidade dun desconto de 60 €.  

Requisitos de inscrición

Nos cursos de SolidWorks e Excel poden inscribirse estudantes, profesionais directamente relacionados coa especialidade, sempre que reúnan os requisitos para cursar estudos universitarios e, de xeito excepcional e sempre que non superen o 50% do total, aqueles profesionais que non teñan as condicións mencionadas. A matrícula do obradoiro de Ansys está aberta a toda a comunidade universitaria e persoas alleas á mesma que acrediten estudos equivalentes a 2º de bacharelato. As prazas dispoñibles nos catro cursos cubriranse seguindo a orde de solicitude na plataforma Bubela e abono das taxas.