DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O actual equipo recibirá a encomenda de continuar seis meses máis en funcións

As eleccións á dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática rematan sen candidaturas

O profesor Francisco Javier Rodríguez completou os dous mandatos posibles

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 15/07/2022

O proceso de eleccións á dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense rematou este venres sen que se presentase ningunha candidatura. As eleccións foron convocadas ao cumprirse o máximo de dous mandatos e seis anos á fronte do centro do seu actual responsable, o profesor Francisco Javier Rodríguez. Seguindo o procedemento nestes casos, o actual equipo directivo recibirá a encomenda de continuar en funcións seis meses e co mandato por parte do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, de nese prazo convocar de novo eleccións.   

O equipo directivo da Escola Superior de Enxeñaría Informática que agora remata o seu mandato estivo formado por Francisco Javier Rodríguez (director); Pedro Cuesta (subdirector de Planificación); Rosalía Laza (subdirectora de Organización Académica); Eva María Lorenzo (subdirectora de Calidade) e Mª Encarnación González (secretaria do centro). Para este equipo e para o do anterior mandato, Francisco Javier Rodríguez ten palabras de agradecemento polo esforzo e o traballo desenvolvido estes anos. “Estou moi agradecido a todos eles. Estes cargos de xestión non teñen unha repercusión directa nos curriculums, é un esforzo persoal que facemos pola institución, é sen eles non se podería ter feito todo o que fixemos”, comenta. O responsable académico subliña que as persoas que o acompañaron nestes dous mandatos “son xente que leva xa anos comprometida na dirección da escola e facendo un grande esforzo persoal e profesional”.

Balance do traballo feito

Sobre o balance destes seis anos á fronte da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Francisco Javier Rodríguez salienta que a maior satisfacción ten sido conseguir que o centro medrase en titulacións e alumnado. “Críamos e cremos que somos un centro que pode medrar. Os nosos titulados e tituladas están moi demandados polas empresas, hai unha gran e crecente demanda social arredor da enxeñaría informática”, comenta. Este crecemento da escola, apunta o profesor, materializouse no caso das titulacións na ampliación a 150 das prazas de novo acceso do Grao en Enxeñaría Informática e na posta en marcha o vindeiro curso académico 2022/2023 do Grao en Intelixencia Artificial e do Mestrado en Intelixencia Artificial, que se suma ao xa existente Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática. Sobre estas dúas novas titulacións, o responsable académico lembra que “son unha aposta de futuro da Xunta de Galicia e das tres universidades galegas e nós loitamos moito por estar aí”. No eido da docencia tamén subliña a satisfacción do centro por ter conseguido recuperar, despois dun ano pechado, o programa conxunto dos graos de Administración e Dirección de Empresas e Enxeñaría Informática. “Esta aposta reformada ten moi boa acollida, cunha nota de acceso moi alta”, sinala.

No balance destes dous mandatos, o equipo saínte tamén destaca a súa satisfacción polas actividades de formación e divulgación levadas a cabo, como o foro de emprego TIC, “sempre intentando estar en contacto coas empresas da nosa contorna e incluso contribuír a que empresas do exterior veñan á nosa cidade, un pouco atraídas pola posibilidade de ter aos nosos titulados traballando con eles”; a Hora do Código ou a Olimpíada de Informática. “Xuntar o académico e o universitario coa sociedade e coas novas xeracións é moi satisfactorio”, comenta Francisco Javier Rodríguez. Nestas actividades, indica, sempre está presente a preocupación pola fenda de xénero entre alumnas e alumnos no eido da enxeñaría informática, participando o centro en diferentes programas que intentan atraer o talento feminino a esta titulación que conta con taxas de pleno emprego.

Para desenvolver o traballo realizado estes seis anos, Francisco Javier Rodríguez indica que foi imprescindible a colaboración do persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e do alumnado do centro. Foron, lembra, anos de moito traballo nos que se tivo que afrontar ademais o impacto da pandemia. “No noso caso, a pesar das dificultades, conseguimos afrontar a situación e superar axeitadamente a situación. A Universidade fixo un investimento importante, dotando as aulas coa tecnoloxía precisa, e a docencia resentiuse o menos posible”, comenta o director da escola.  

De cara ao futuro máis inmediato, Francisco Javier Rodríguez sinala que o gran reto para a Escola Superior de Enxeñaría Informática é a “implantación de Intelixencia Artificial, ano a ano” e “ver as capacidades que temos no campus de medrar en espazos, algo no que xa está traballando o equipo de goberno”. Outro reto é, apunta, a internacionalización, tras o parón da pandemia, e continuar estreitando relacións coas empresas. “Queremos que as empresas, incluso as de fóra, coñezan a nosa escola e aos nosos titulados. Hai moitos proxectos de empresas que poden vir á provincia”, afirma por último o responsable académico.