DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!

Emprendedoras de Alemaña e Bélxica afianzan en Ourense as súas ideas de negocio

Este xoves visitaron o campus e deron a coñecer as súas iniciativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Transferencia
DUVI Ourense 07/10/2021

Desde setembro de 2019, a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) participan no proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN! (Mulleres Emprendedoras en Acción), que busca fomentar o emprendemento desde unha perspectiva de xénero. No marco das súas accións, esta semana un grupo de emprendedoras de Alemaña e Bélxica están en Ourense co obxectivo de continuar madurando os seus proxectos empresariais a través do apoio e contacto coas entidades participantes e outras mulleres emprendedoras.

O proxecto, que rematará en agosto de 2022, conta con financiamento da Comisión Europea, formando parte do programa de Alianzas Estratéxicas Erasmus + para a educación e a formación profesional, e está dirixido a mulleres emprendedoras con proxectos de menos de tres anos de actividade ou mulleres cun proxecto de creación de empresa. Ademais da Universidade de Vigo e da CEO, son socios da iniciativa o Eléo Conseil e a Societè Interfaces, de Francia; a Universitat des Saarlandes, de Alemaña, e a Association des Mompreneurs de Belgique, de Bélxica. A participación de Ourense está liderada, a través do Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da UVigo, pola profesora Elena Rivo.

Apoiar nos comezos e tamén na maduración

En Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!, entre as iniciativas a desenvolver por parte da UVigo e a CEO están un programa de formación sobre emprendemento, titoriais formativos, un taller de creación de negocio propio e a elaboración dun cómic titulado Mulleres en acción. Unha guía para o emprendemento. Entre as actividades do proxecto tamén está a realización de mobilidades que permitan a mulleres empresarias ou que queiran emprender un novo negocio visitar os países socios deste proxecto europeo. No seu marco, desde este luns están en Ourense as emprendedoras Cecilia Paladines (Alemaña) e Sandy Halls e Julie Delhauteur (Bélxica), que este xoves visitaron o campus de Ourense acompañadas, entre outras, por, ademais de Elena Rivo (UVigo) e Victoria Rois (CEO), Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Con esta visita culminou unha semana de actividades que levaron ás emprendedoras a coñecer diferentes lugares de interese para elas, tendo en conta as temáticas dos seus proxectos, de Ourense e Allariz e a participar en encontros con formadores e outras emprendedoras. “Consideramos que era importante que tamén coñecesen o campus, a vida universitaria e ver posibles colaboracións”, comentou Elena Rivo. O espírito do proxecto, lembrou a profesora da UVigo, “é promover e apoiar ás mulleres emprendedoras e animar a que cantas máis mulleres saquen adiante os seus proxectos mellor, e ademais con éxito”. Así, indicou, a iniciativa pretende no caso dos proxectos que están na súa etapa inicial “acompañar ás emprendedoras na materialización desa idea, axudarlles a perder o medo” e se están nunha etapa máis avanzada “acompañalas tamén a expandir o seu proxecto”, por exemplo con estas mobilidades e co establecemento de contactos, redes de apoio e outros aspectos que implican.

Etde5, Fil de Garance la Boutique e Los Paladines

As dúas emprendedoras de Bélxica que participan nesta mobilidade en Ourense desenvolven proxectos no eido téxtil. Sandy Halls ten en marcha Etde5, unha marca ecolóxica de roupa e complementos para nenos, nenas e adultos e obsequios personalizados. Julie Delhauteur é a promotora da empresa Fil de Garance la Boutique, de cursos de costura e actividades relacionadas. De Alemaña participa Cecilia Paladines co seu proxecto Los Paladines, que se basea no uso do teatro para a aprendizaxe do idioma e a integración, especialmente de inmigrantes. A súa idea de empresa naceu da súa experiencia persoal, cando, lembrou, “hai máis de 20 anos cheguei de Ecuador a Alemaña cunha maleta moi pequena pero chea de soños moi grandes. Pensaba conquistar o mundo pero atopeime que non logrei nada pola linguaxe, porque o idioma era unha barreira incrible”. No seu caso, indicou, aprendeu alemán a través do teatro e a esa experiencia é a base da súa idea de negocio. Na cidade alemá de Saarbrücken e co apoio de entidades como a universidade, o concello e a Cruz Vermella, sinalou, “fago proxectos de integración a base de teatro. A xente que traballa comigo aprende o idioma a base de escenas e ven que o alemán tamén é un idioma moi doce, moi enriquecedor e mesmo romántico, comezan a amar o idioma”.

Da participación neste proxecto europeo e nesta mobilidade Cecilia Paladines recalcou que a experiencia está a resultarlle “enormemente inspiradora” e subliñou a importancia de programas como Women Entrepreneurs in Action xa que á hora de emprender, dixo, “nalgún momento, cando unha está soa e non sabe para onde ir, para onde coller, necesitamos apoio, xente que nos diga aquí hai unha porta que podes abrir coas túas chaves”. Igualmente recalcou a importancia de fomentar e apoiar o emprendemento feminino. No seu caso, lembrou Cecilia Paladines, “eu cheguei a Alemaña hai máis de 20 anos, sendo muller, inmigrante, nai solteira... tiña todos os requirimentos para ter éxito, ironicamente falando”. Nesta situación, dixo a emprendedora, “a min pechábanseme as portas pero eu metíame pola ventá. É unha cuestión de actitude”, animando a outras mulleres a loitar para pór en marcha os seus proxectos.