Nun encontro inserido no congreso Flúor
Empresas de publicidade e márketing coñecen as habilidades e proxectos do alumnado da Facultade de Comunicación
Dez estudantes participaron nunha iniciativa patrocinada polo Consello Social da UVigo
Promovido polo Clúster da Comunicación de Galicia, á sétima edición do congreso de márketing Flúor reúne en Pontevedra un bo número de profesionais da comunicación,a publicidade, a creatividade e o márketing, que na xornada deste venres puideron coñecer de primeira man as habilidades e proxectos do alumnado da Facultade de Comunicación. Promovido co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, a segunda xornada deste congreso abriuse cun speed dating dirixido a xerar un contacto directo entre dez estudantes deste centro e as e os responsables de once empresas.
Concibido como unha oportunidade para o intercambio directo, o desenvolvemento de contactos e a identificación de talento emerxente, este encontro contou coa participación dunha decena de estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas e do mestrados en Dirección de Arte en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. A través de intervencións de cinco minutos, este grupo de alumnos e alumnas puido dar a coñecer os seus proxectos e intereses a responsables de once empresas, que previamente lles presentaron os seus ámbitos de traballo. Concretamente, neste encontro participaron responsables de Iuni strategic marketers, Marquid consulting, Visual VR, Cecubo Group, Recados Carmen, Raiola, A Meiga Márketing, Asomados, Avante, Siete Olas e Ahao Studio.