O catedrático substituirá no cargo a Rebeca Díaz, directora do centro desde 2021
Enrique Costa, único candidato á dirección da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
As eleccións serán o luns 22 e están chamadas ás urnas 114 persoas
O catedrático de Enxeñaría Telemática Enrique Costa Montenegro é o único candidato a substituír a Rebeca Díaz á fronte da dirección da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Será o vindeiro luns 22 de xuño, nunha cita electoral á que están chamadas ás urnas 114 persoas: 98 docentes, 10 estudantes e 6 membros do Persoal Técnico de Xestión e Administración de Servizos.
Costa Montenegro explica que foi precisamente a actual directora, no cargo desde marzo de 2021, quen o animou a dar o paso. «Gústame a xestión e vexo a dirección da escola como un novo reto, pero creo que o principal motivo é a responsabilidade institucional», sinala. Vinculado ao centro desde a súa etapa como estudante, destaca o seu “apego” á escola e o desexo de contribuír á súa mellora. “Levo dous terzos da miña vida nesta casa, primeiro como estudante, despois como investigador e finalmente en diferentes figuras de profesorado. Se podo intentar axudar a que sexa un lugar mellor, exercendo de director neste caso, síntome moi afortunado”, afirma.
O candidato conta cunha ampla experiencia en postos de responsabilidade académica. Foi coordinador da mención de Telemática no grao, subdirector de Internacional entre 2015 e 2021, co profesor Íñigo Cuiñas como director, e, desde hai dous anos e medio, coordina o Plan de Acción Titorial do centro. A esta traxectoria suma tamén experiencia na xestión de proxectos de investigación e innovación docente.
Un equipo de continuidade que xunta “experiencia e xuventude”
No equipo que o acompañará na dirección repiten dúas persoas do actual mandato: Ana María Cao Paz, como subdirectora de Calidade, e Pablo Fondo Ferreiro, que deixa a Secretaría para asumir a Subdirección de Captación e Relacións Internacionais. O novo secretario será Manuel García Sánchez, que tamén se encargará da Subdirección de Infraestruturas, mentres que Borja González Valdés asumirá a Subdirección Académica e de Novas Titulacións. Costa Montenegro encargarase ademais das tarefas de difusión. «Creo que formamos un bo equipo que xunta experiencia e xuventude», destaca.
Captación de alumnado, o principal reto a curto e medio prazo
O programa da candidatura aposta pola continuidade do traballo desenvolvido polas últimas direccións do centro. Entre as súas prioridades sitúanse a captación de novo alumnado, a redución da taxa de abandono, o fomento da vida estudantil na escola e a ampliación da oferta formativa, tanto mediante novas titulacións como a través de microcredenciais.
Precisamente a captación constitúe, segundo o candidato, o principal reto a curto e medio prazo. Costa Montenegro lembra que a diminución da natalidade está a ter xa impacto nas xeracións que acceden á universidade e considera necesario reforzar as accións orientadas a dar a coñecer os estudos de telecomunicación. Neste sentido, salienta o traballo desenvolvido nos últimos anos a través das visitas a centros de ensino secundario, das xornadas de portas abertas, dos programas Elas Fan TIC e Elas Fan CienTec ou da organización da Olimpíada Nacional de Teleco. «Se queremos que a taxa de entrada se manteña, tendo en conta a redución da natalidade, temos que aumentar a captación e as formas de facela», subliña.
Rebeca Díaz: Cinco anos de transformación e apertura á contorna
Ás portas de rematar o seu mandato da EET e de asumir o cargo como nova vicerreitora de Persoal Docente e Persoal Investigador, Rebeca P. Díaz, tamén catedrática da Área de Enxeñaría Telemática, fai un balance moi positivo destes cinco anos á fronte da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, un período no que o centro impulsou a renovación da súa oferta académica, reforzou a colaboración co tecido empresarial, intensificou as accións de captación de alumnado e acometeu importantes melloras nas súas infraestruturas.
No ámbito docente, a catedrática destaca a reforma do grao e do máster en Enxeñaría de Telecomunicación, a creación da modalidade dual deste último e a ampliación da oferta de posgrao, que pasou de catro a sete títulos. Tamén subliña a aposta pola innovación educativa e pola integración responsable da intelixencia artificial xerativa na docencia.
Díaz amosa tamén o seu orgullo polo fortalecemento das relacións coas empresas e centros tecnolóxicos, especialmente a través da creación da rede conexiónTeleco, que reúne xa 16 entidades colaboradoras e que permitiu impulsar iniciativas de captación, divulgación e formación dual. Neste período formalizáronse ademais novas cátedras empresariais e o centro acadou o distintivo de empregabilidade da Universidade de Vigo.
A captación de novo alumnado foi outro dos grandes retos do mandato. Para facer fronte á caída demográfica e ao aumento da competencia entre titulacións, a escola reforzou a súa presenza nos centros educativos de ensino medio, consolidou actividades como a Olimpíada Galega de Teleco, que este ano cumpriu catro edicións, e promoveu programas para achegar as enxeñarías ás nenas e mozas. «As estatísticas de novo estudantado melloraron nos últimos anos e cada vez máis persoas nos escollen como primeira opción», salienta.
No capítulo de infraestruturas, a directora destaca a modernización de espazos e laboratorios, a creación de novas zonas de traballo colaborativo e as actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade do edificio. «Foron anos de moito traballo colectivo, nos que procuramos construír unha escola máis moderna, aberta e preparada para os retos do futuro», resume.
