DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entrega de diplomas ao alumando do STEMBach

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Reitor
  • Académica
DUVI 13/06/2022

Tras dous cursos de intenso traballo nos que tiveron unha materia ‘extra’ con respecto ao resto dos seus compañeiros de clase, a Universidade de Vigo recoñeceu este luns o esforzo e dedicación das 101 alumnas e alumnos de 13 institutos de toda Galicia que elixiron a Universidade de Vigo para participar no Bacharelato de Excelencia STEMBach 2022, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e á que a Universidade de Vigo se uniu “con entusiasmo” desde o seu lanzamento, no curso 18-19. A entrega de diplomas, celebrada no paraninfo do edificio Ernestina Otero, foi un lugar de encontro para todos os colectivos que, de xeito totalmente voluntario, destinaron folgos e enerxías a que os proxectos saísen adiante: as mozas e mozos que decidiron participar na iniciativa; os docentes, tanto de ensino universitario como de ensino medio, que os axudaron e guiaron no camiño que os levou a entender mellor como funciona a ciencia e, tamén, as familias, por todo o apoio prestado.

A entrega de diplomas estivo presidida polo reitor en funcións, Manuel Reigosa, que agradeceu a colaboración e implicación nesta iniciativa do profesorado, tanto da Universidade, “que é quen de sacar tempo para estes proxectos”, coma dos institutos. En referencia a estes últimos destacou que a Universidade ten “a obriga moral de formar parte da contorna e devolverlle á sociedade todo o que ela nos achega” e nese camiño “os nosos primeiros aliados sodes os profesores de ensinanzas medias. Por unha banda, porque permitides dotar dunha continuidade ao coñecemento, dende as ensinanzas medias ata as carreiras e, por outra, porque temos que ir buscar o talento onde estea e conseguir que a xente teña entusiasmo e o pase ben facendo ciencia e descubrindo a investigación”.

O reitor tamén agradeceu á Xunta de Galicia a posta en marcha desta iniciativa e ao alumnado dirixiulle verbas de ánimo para continuar coa súa formación na etapa universitaria. “Queremos que todo o talento que hoxe está aquí sirva para que dentro de catro anos, cando rematedes a carreira, ou dentro de seis, cando finalicedes o mestrado, teñamos unha xeración preparada para facer unha sociedade mellor, máis xusta e igualitaria”. Neste sentido remarcou a importancia de fomentar as vocacións femininas nas titulacións STEM “porque unha sociedade que non loita polo seu talento feminino é unha sociedade que compite cunha man atada ás costas”. 

15 escolas e facultades e colaboración directa con 13 institutos

A encargada de pór cifras á participación da UVigo no programa STEMBach foi a vicerreitora en funcións de Captación de Alumnado, Estudantes e  Extensión Universitaria, Natalia Caparrini. Na súa intervención salientou que na actualidade son 15 as escolas e facultades implicadas –fronte ás sete coas que se iniciou o proxecto na proba piloto posta en marcha en 2018, “o que supón arredor do 65% de todos os centros da UVigo, incluídas facultades dos ámbitos das Humanidades e das Ciencias Sociais e Xurídicas”. En canto aos institutos hai colaboración directa con 13 centros, dos 38 de toda Galicia que participan actualmente no programa. “A evolución foi tamén moi favorable no número de proxectos ofrecidos”, recalcou Caparrini, quen explicou que na primeira edición se ofertaron un total de 20 proxectos, “practicamente a demanda” e hoxe se ofrecen xa máis de cen (111). En canto ao número de docentes da UVigo  que colaboran no STEMBach pasouse de 28 a 73 e, no referido ao alumnado participante, o salto foi de 47 a 101, “polo que a evolución é claramente positiva”, salientou Caparrini, ao que engadiu que “grazas a este programa o alumnado  de bacharelato ten a posibilidade de coñecer que se fai e como se traballa na Universidade e nós, desde as aulas universitarias, podemos achegarnos ás inquietudes e necesidades do alumnado de ensino medio de cara a incorporar todo isto nos novos plans de estudo e na mellora da oferta de graos”, recalcou a vicerreitora.

53 proxectos defendidos

O STEMbach ten unha duración de dous cursos académicos e nel as e os participantes desenvolven un proxecto de investigación, no segundo curso do Bacharelato, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que é co-dirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno/a realiza unha defensa en sesión pública. Na Universidade de Vigo ofrécense máis dun cento de proxectos, de maneira que as mozas e mozos de cada instituto poidan elixir aqueles que lle resulten máis interesantes. Nesta edición defendéronse un total de 53 proxectos, dos 65 que foran asignados. “Ao alto nivel de esixencia que esixe o Bacharelato sumouse nesta edición todas as dificultades que trouxo consigo a pandemia”, explicou a vicerreitora, dándolle especial valor aos logros acadados por estes alumnos e alumnas.

“Deume a seguridade de saber o que quero facer”

Á entrega de diplomas asistiron arredor de 50 alumnos e alumnas de oito institutos: Colexio Marista Santa María de Ourense, CPR Santiago Apostol de Soutomaior, IES María Soliño de Cangas, IES A Paralaia de Moaña, IES Ramón Cabanillas de Cambados, IES A Xunqueira II de Pontevedra, IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense e IES República Oriental de Uruguay de Vigo. 

Ademais do reitor e a vicerreitora, contouse tamén coa participación de Mª Eugenia Pérez, subdirectora xeral de Innovación, Orientación e Formación dos Recursos Humanos da Xunta de Galicia; do catedrático Emilio Rolán, docente e investigador na Facultade de Bioloxía, e de Juan Luis Neira, profesor do IES Ramón Otero Pedrayo, así como de varias alumnas que achegaron a súa propia experiencia. “Participar no programa STEMBach deume a seguridade de saber o que quero facer e, tamén, de saber que son capaz de facelo”,  salientou Cristina Santacreu, alumna do Colexio Maristas Santa María de Ourense, autora dun proxecto individual sobre Dereito Internacional coordinado pola profesora Laura Movilla.