DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras varios meses de formación nas novas instalación de Cidade Universitaria

Entrega de diplomas ás emprendedoras e emprendedores dos premios Incuvi

O acto contou coa participación da vicerreitora Natalia Caparrini e as empresas colaboradoras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/05/2022

As gañadoras e gañadores das diferentes modalidades dos Premios Incuvi reuníronse esta semana na Cidade Universitaria para recoller os diplomas que acreditan todo o labor formativo que levan realizado ao longo dos últimos meses e, ao mesmo tempo, presentar tamen os avances acadados en cada un dos proxectos. Foi unha xuntanza entre compañeiros e formadores na que houbo a oportunidade de pórse ao día sobre a evolución de cada un dos proxectos e compartir ideas e inquedanzas acerca dun futuro laboral que agardan, poder vivir dende o emprendemento.

O acto contou coa participación da vicerreitora en funcións de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que recoñeceu o traballo que levan feito todas estas mozas e mozos desde o pasado mes de xaneiro, cando se deron a coñecer os proxectos gañadores. Na súa intervención, animounos a loitar polas súas iniciativas empresariais, tanto da man da propia Universidade, a través das seguintes modalidades de Incuvi, sobre todo no caso dos equipos que participaron en Incuvi-Emprende, como noutras iniciativas que colaboran coa institución. Trasladoulles tamén o seu desexo de que o novo espazo Incuvi, no que tivo lugar a xuntanza e onde se levaron a cabo as diferentes actividades formativas, se tivera axustado ás súas necesidades. “Nel tendes a porta aberta para levar a cabo calquera reunión e formación que consideredes oportuna”. Aproveitando tamén a presencia dos formadores, Caparrini agradeceulle á Fundación Ronsel e a consultora Blu-business a súa forte implicación nos premios Incuvi e todo o apoio que, ano a ano, prestan aos equipos emprendedores participantes. Tampouco se esqueceu a vicerreitora dos colaboradores e patrocinadores, en especial aos que asistiron ao acto: Banco Santander, BBVA, Ceaga/BFA e Abanca.

“Estou moi contenta con toda a formación recibida e cos lazos que formamos entre nós”

“Estou moi contenta con toda a formación recibida e cos lazos que formamos entre nós”, explicou Rocío Paladea, unha das gañadoras da categoría Incuvi Emprende, promotora, xunto con Dolores Urso, de ReproGal, unha iniciativa que propón un sistema de crio-preservación de gametos de especies animais de interese comercial e/ou en perigo de extinción. Alumnas ambas do Máster en Biotecnoloxia Avanzada, Paladea explicou que “as clases estiveron moi ben organizadas, foron moi concretas, útiles e as actividades superdivertidas”, ao que engadiu que lle encantou o enfoque co que se deron algunhas das clases, dirixidas, sobre todo, a entender a parte psicolóxica do camiño emprendedor. “Sen dúbida, vou a animar a outros a que se sumen na próxima convocatoria”, recalcou.

Nesta edición -X edición das Axudas Incuvi-Emprende,  VI de Incuvi-Avanza e II de Incuvi-Consolida- participaron nas diferentes actividades formativas as promotoras e promotores das 17 iniciativas que foron premiadas: doce axudas Incuvi Emprende,  para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; catro axudas Incuvi Avanza, para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración e unha axuda Incuvi Consolida para que unha iniciativa xa constituída, que pasou polos programas Emprende e Avanza,  e que recibiu, ademais da mentorización específica, unha axuda económica dirixida a facilitar a súa consolidación empresarial.