DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na celebración este venres do seu III Foro Alumni

Enxeñaría Aeronáutica pon en valor as traxectorias profesionais que están tendo as súas primeiras promocións

No acto tamén se fixeron públicos os galardóns do seu concurso fotográfico Aerovisión 2026

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 10/04/2026

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este venres o seu III Foro Alumni. Nel, egresadas e egresados do centro volveron a el para contarlle ao seu actual alumnado como está sendo as súas traxectorias profesionais. A actividade estivo organizada con motivo do 12 de abril, Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados, destacando a directora do centro, Nieves Lorenzo, a pertinencia desta celebración tendo en conta o lanzamento estes días da misión á Lúa Artemis II. 

O acto arrancou dándose a coñecer a resolución do concurso fotográfico da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Aerovisión 2026. Nel convidábase ás persoas interesadas a presentar as súas mellores imaxes no ámbito aeronáutico e/ou espacial. En total presentouse unha vintena de obras, concedéndose tres galardóns. O primeiro premio, dotado cun dron, foi para o fotoxornalista Iñaki Abella, pola fotografía Línea de fuego. O segundo, dotado cun telescopio, recaeu en José Luis Neira, pola imaxe La Patrulla Águila. Por último, concedeuse un terceiro premio, dotado cuns prismáticos, a Nicolás Outón, pola peza Air Canada Vortex

Tras a entrega dos galardóns, arrancou o programa do foro. Cinco foron os testemuños recollidos nel: Enrique Aldao, do grupo Aerolab da UVigo; Sara Rodríguez, de Alén Space; Marco Casanova, da Axencia Espacial Europea; Belén Ayude, de Airbus Defence and Space, e Marcos Burgo, de Convergent Science. 

Cinco traxectorias diversas

Tal e como puido coñecer o alumnado presente no foro, Marco Casanova é un enxeñeiro aeroespacial da primeira promoción do Grao en Enxeñaría Aeroespacial da UVigo (2016-2020) especializado en operacións espaciais e astrodinámica. Tras completar un mestrado en Enxeñaría Espacial na Universidad Carlos III de Madrid, incorporouse ao Centro Europeo de Operacións Espaciais da Axencia Espacial Europea, onde ten traballado no deseño, preparación e execución de operacións de diversas misións da axencia, desde misións astronómicas como Gaia ata misións de observación terrestre como EarthCARE, BIOMASS ou recentemente o compoñente español da constelación Atlántica. En paralelo a esta actividade profesional está a realizar o seu doutoramento na Universidade de Vigo, centrando a súa investigación en astrodinámica, con especial interese na optimización de traxectorias interplanetarias. 

Tamén da primeira promoción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo falou Sara Rodríguez, que deu seu salto profesional en plena pandemia, no 2021, para traballar no Centro de Control de Satélites Xeoestacionarios en EUMETSAT. Tras dous anos de experiencia e a participación no lanzamento de MTG-I1, mudouse a Toulouse para traballar do lado da industria en Desenvolvemento de Operacións Satelitais para MetOp-SG, operado tamén por EUMETSAT. Con ganas de tocar a parte de proxectos mudou a traballar en Operacións e Desenvolvemento de Proxectos de EGNOS. Tras tres anos en Francia, dende outubro 2025 é responsable de Operacións Satelitais en Alén Space, liderando un equipo de cinco persoas e encargándome de todas as operacións satelitais da empresa. 

Completando a representación desta primeira promoción estivo Enrique Aldao. El realizou o mestrado en Enxeñaría Aeronáutica na Universidad Carlos III de Madrid e doutorouse en Tecnoloxía Aeroespacial pola Universidade de Vigo, sendo actualmente investigador posdoutoral no grupo Aerolab do Instituto de Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (Ifcae) da Universidade de Vigo. Nel participa en distintos proxectos internacionais de investigación. Polo seu labor como investigador ten recibido xa varios recoñecementos, como o Premio Espazo 2024 (Enaire), e ten participado en diversas estancias internacionais (INESC TEC, ISAE-SUPAERO, Delft University of Technology).

Xa da segunda promoción (2017-2021) da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo participou Belén Ayude, especializada en aeronaves e cunha traxectoria centrada no deseño e desenvolvemento de estruturas aeronáuticas. Iniciou a súa carreira profesional en Capgemini Engineering, onde estivo un ano e adquiriu experiencia en deseño con ferramentas CAD e documentación técnica. Actualmente traballa como deseñadora de estruturas en Airbus Defence and Space, participando en proxectos internacionais dentro do sector como Eurodrone ou Eurofighter. Na súa traxectoria destaca tamén a colaboración na creación de pezas para o avión comercial máis vendido do mundo, o A320, ou o recentemente A321XLR.

Por último e xa terceira promoción (2018-2022), o foro contou coa participación de Marcos Burgo. Actualmente traballa como enxeñeiro de soporte para Convergent Science en Linz, en Austria, onde se encarga de levar a cabo simulacións de motores de combustión interna. No seu camiño ata aí, realizou un mestrado en Mecánica de Fluídos Computacional na Universidad Politécnica de Valencia e traballou no seu CMT–Clean Mobility & Thermofluids (UPV) modelando a combustión de hidróxeno.