DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para contribuír a rachar a fenda de xénero á hora de elixir carreiras TIC

Enxeñaría Informática acollerá un campamento tecnolóxico para rapazas

A iniciativa celebrarase nas tres universidades galegas no marco do proxecto Matica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 18/06/2021

Do 28 ao 30 de xuño a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense celebrará un campamento tecnolóxico destinado a promover a vocación tecnolóxica entre as rapazas e contribuír así a rachar a fenda de xénero que existe á hora de elixir carreiras TIC. A iniciativa terá lugar nas tres universidades galegas no marco do proxecto Mática, do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e Amtega.

Talleres e charlas

No caso da UVigo, o campamento, gratuíto, desenvolverase os días 28, 29 e 30 de xuño en horario de 9.30 a 14.30 horas nas instalacións da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que organiza a actividade xunto ao órgano colexial. Haberá un grupo formado por alumnas de primeiro, segundo e terceiro curso de Educación Secundaria Obrigatoria e outro de cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria; primeiro e segundo de Bacharelato e Formación Profesional. O prazo de inscrición xa está aberto, habendo dispoñibles 30 prazas presenciais. Debido á limitación de prazas, o campamento tamén dá a opción ás rapazas a inscribirse nun grupo virtual, no que se desenvolverán actividades de conexión remota.

Segundo explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, o campamento incluirá talleres de carácter divulgativo e de iniciación á intelixencia artificial, programación móbil, robótica e pensamento computacional. Ademais terán lugar charlas sobre a profesión de enxeñería informática e algunha visita relacionada, como a centros tecnolóxicos. As actividade estarán adaptadas á idade das participantes e impartidas profesoras do centro, por mulleres profesionais do sector e tamén por alumnas dos últimos cursos do Grao de Enxeñaría Informática.

A iniciativa forma parte do proxecto Mática. “Trátase dun proxecto destinado a fomentar as vocacións femininas en carreiras TIC. Este campamento tecnolóxico, que se celebrará nos tres campus galegos onde se imparte a titulación de Enxeñaría Informática, é a súa primeira actividade”, comenta Francisco Javier Rodríguez. Así, ademais de na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo, a iniciativa terá lugar coas mesmas características na Facultade de Informática do campus da Coruña e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría do campus de Santiago de Compostela.

Unha fenda que está medrando

A idea dos campamentos, comenta o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, é que as rapazas coñezan cousas que se están facendo en diferentes eidos tecnolóxicos pero sobre todo que “coñezan referentes femininos” e “fagan comunidade”. Así, detalla, os talleres e charlas serán impartidas por enxeñeiras informáticas do eido académico ou profesional para que as rapazas vexan como si hai mulleres estudando ou traballando neste sector e poidan ter referentes concretos e reais que lle inspiren. Neste senso, o responsable académico destaca a importancia da participación nos talleres tamén de alumnas dos últimos cursos do Grao de Enxeñaría Informática, “que son estudantes moi vocacionais, moi implicadas, que tiveron que loitar xa con estereotipos de xénero ata chegar aquí e que poden ser un bo exemplo para as rapazas, que escoiten a súa experiencia en primeira persoa”. Igualmente, a actividade está destinada a “crear comunidade”, que as asistentes  vexan que “hai outras rapazas coas que comparten o seu interese polas tecnoloxías”. Neste senso, o programa Mática ten o obxectivo de “crear unha rede entre todas as rapazas con intereses nas TIC” “creando lazos de amizade e colaboración” entre elas con accións coma estes campamentos.   

A participación nesta acción, e noutras similares que se levan a cabo no centro ourensán, explica o seu responsable, xorde ante “a problemática da falta de alumnas nas carreiras TIC”. Esta fenda, indica Francisco Javier Rodríguez, “non é algo estrutural, de sempre, senón que o decrecemento estase producindo nos últimos anos”. Así, explica, “Enxeñaría Informática non é como outras carreiras na que a fenda de xénero vén de sempre, como podería ser Enfermaría, que foi tradicionalmente cursada maioritariamente por mulleres. Nós o ano pasado tivemos un 13% de rapazas e antes a porcentaxe de inscrición era moito maior”. Enxeñaría Informática, afirma o responsable académico, “é unha carreira que pode ser moi atractiva, que ten moitas saídas laborais, na que hai moitas mulleres traballando e temos que reverter esa baixada na matrícula, que as rapazas vexan que o interese nas carreiras tecnolóxicas non é unha cuestión do xénero, é universal. Non hai carreiras dun xénero ou doutro”.