DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio celebrado este venres en colaboración co GDG Ourense

Enxeñaría Informática súmase ao 8M visibilizando o traballo das mulleres no eido tecnolóxico

Participaron Alma Gómez, Rocío Mojica, Josefina Alonso Nocelo e Lourdes Borrajo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI Ourense 06/03/2026

Con altas taxas de empregabilidade e de captación de alumnado e enfocada cara un dos sector de maior proxección presente e futura, as titulacións de Enxeñaría Informática enfrontan os seus propios retos. Entre eles está a baixa participación de mulleres, que non chegan a representar o 15% do estudantado. Co obxectivo de debater sobre esta situación e contribuír a contrarrestala, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolleu este venres a celebración dun encontro destinado a visibilizar o talento feminino no sector tecnolóxico e a compartir experiencias reais da industria e a academia. 

A iniciativa estivo organizada xunto co Google Developer Group (GDG) de Ourense no marco da súa iniciativa #CorOu e co gallo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller. Podendo seguirse de xeito presencial desde o campus e tamén virtual, o coloquio estivo destinado ao alumnado interesado no mundo dixital ou en coñecer de primeira man como é unha carreira nas TIC. A programación contou con catro mulleres do ámbito tecnolóxico que falaron sobre o presente e futuro deste sector.

Participaron Rocío Mojica, titulada desta escola e enxeñeira investigadora en Gradiant, membro activo de #WomensTechmakers; María Lourdes Borrajo, profesora nos ámbitos de Informática e Dereito na Universidade de Vigo e coordinadora do Grao en Intelixencia Artificial; Josefina Alonso Nocelo, consultora asociada a Vitae Digital Consultores e directora de Operacións no Digital Innovation Hub Industrial de Galicia; e Alma María Gómez, profesora do Departamento de Informática da Universidade de Vigo, que guiou a conversa. Ao longo das súas intervencións, ademais de falar das súas traxectorias, abordaron temas como a importancia dos referentes, os obstáculos atopados no seu desenvolvemento profesional ou a súa visión de futuro no eido tecnolóxico. 

Dar referentes, rachar estigmas

A actividade, comentou Alma Gómez, quixo reunir “a tres mulleres destacadas no sector TIC, cada unha dun ámbito diferente del, para darnos unha visión das múltiples liñas de desenvolvemento neste eido”. Así apuntou, reuniu mulleres que traballan no ámbito máis empresarial, na docencia e investigación e na transferencia de tecnoloxía de IA a empresas. Con esta elección, apuntou, “queremos dar visibilidade ás profesionais, ás mulleres traballadoras do ámbito tecnolóxico, da informática, que hai en Galicia, queremos que se vexa que as mulleres estamos integradas nel e que temos a capacidade de achegar moitas cousas a este sector”. Neste senso a profesora subliñou a importancia de que “as novas xeracións teñan referentes, que vexan que hai mulleres nestes campos, campos que están moi masculinizados sen haber ningunha razón obxectiva para iso”. Entre estes referentes, lembrou o papel de mulleres pioneiras en tecnoloxía, como Ada Lovelace (primeiro algoritmo), Hedy Lamarr (tecnoloxía precursora de WiFi/Bluetooth), Grace Hopper (primeiro compilador) e Margaret Hamilton (software do programa lunar). “Usamos tecnoloxía creada por mulleres sen sabelo e hoxe contamos con mulleres que continúan ese camiño e poden ser os nosos referentes”, afirmou. 

A organización da actividade estivo liderada por Cesáreo González e Gabriel Fontán, estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática e membros de Google Developer Group (GDG) de Ourense. “Quixemos sumarnos ao 8M cun evento especial no que divulgar o que é o papel das mulleres nas novas tecnoloxías e sobre todo nas carreiras tecnolóxicas”, comentou Cesáreo González, que lembrou como “historicamente as mulleres tiveron un papel moi importante en diferentes avances tecnolóxicos”. Aínda que carreiras como Enxeñaría Informática, afirmou, poden “dar de partida medo tanto a homes como a mulleres”, animou ás novas xeración, neste caso sobre todo ás mulleres,  “a coñecer e estudar carreiras tecnolóxicas”, salientando como nelas trabállase na vangarda do desenvolvemento de novos coñecementos e innovacións. “A muller ten que estar aquí, ten que participar ao igual que o fai home; homes e mulleres deben verse reflectidos nas novas tecnoloxías”, dixo. Do mesmo xeito, Gabriel Fontán lembrou que “a porcentaxe de mulleres nas nosas aulas é baixísima e é necesario que estean en carreiras técnicas”, sinalando a importancia de rachar estigmas que asocian a mulleres e homes a diferentes tipos de carreiras e impulsando a presenza feminina en titulacións CTEM. 

Máis actividade polo 8M

Tamén co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, as facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebrarán o luns día 9 o coloquio Liderado con mirada de muller. Nel participarán María López, concelleira de Promoción Económica de Allariz; Marta Míguez, ex-atleta olímpica; e Noelia Rodríguez, presidenta de Xóvenes Empresarios de Ourense. A actividade, que conta co apoio da Unidade de Igualdade, estará moderada por Isabel Diéguez, coordinadora do coloquio xunto á tamén profesora da UVigo María Lameiras.