Este venres visitaron a escola medio cento de nenas e nenos de ensino primario
Enxeñaría de Telecomunicación adianta a celebración do Día Internacional das Nenas nas TIC
Participaron en varios obradoiros impartidos por alumnas dos últimos cursos
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación adiantou a este venres a celebración do Día Internacional das Nenas nas TIC e fíxoo coa celebración da xornada Elas FanTIC, unha actividade patrocinada polo Cátedra Indra-UVigo en enxeñaría e tecnoloxía que trouxo ata a escola medio cento de escolares de ensino primario. Ao longo da mañá tiveron a oportunidade de achegarse, da man das propias alumnas da escola, ao mundo da programación e a robótica de xeito ameno, divertido e totalmente adaptado ás súas idades.
Procedentes dos colexios vigueses CEIP Plurilingüe Sobreira-Valadares e CEIP Fonte Escura, as xornadas incluíron un taller de robótica con CuteBot e outro de códigos relacionados coa telecomunicación impartidos por unha ducia de alumnas da propia EET, “outro xeito de visibilizar as mulleres no ámbito da enxeñaría, de maneira que este alumnado, dos últimos cursos de primaria, poidan ter referentes femininas o máis cedo posible”, explica a directora da escola, Rebeca P. Díaz.
Coordinada pola profesora Soledad Torres, enlace de Igualdade da escola, esta xornada está dirixida a alentar as mulleres, desde nenas, a considerar a posibilidade de orientar os seus estudos e profesións ao campo das carreiras tecnolóxicas, unha cuestión de elevada importancia se se ten en conta que a previsión é que no ano 2050 o 75% dos traballos estea relacionado coas áreas STEM e que, ao ritmo actual, non se logrará alcanzar a paridade de xénero neste ámbito ata arredor do ano 2100.
