DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CORV-0 foi deseñado e fabricado por 23 estudantes de Aeroespacial e Informática

O equipo de aeromodelismo da UVigo constrúe o seu primeiro prototipo

Con el participarán na competición internacional Air Cargo Challenge

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 30/06/2021

CORV-0. Este é o nome elixido por UVigo Aerotech, o equipo de aeromodelismo da Universidade de Vigo, para o seu primeiro prototipo construído. Esta aeronave foi deseñada e fabricada por 23 alumnos e alumnas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense que forman parte do proxecto.

O aeromodelo presentado competirá na próxima Air Cargo Challenge, que terá lugar en xullo de 2022 en Múnic (Alemaña). “Esta é unha das competicións interuniversitarias de enxeñaría aeronáutica máis importantes de Europa, onde ata 30 das mellores universidades do mundo compiten por crear o mellor deseño dunha aeronave destinada a completar unha tarefa concreta”, explican desde UVigo Aerotech. O labor das aeronaves desta edición, detallan, será o transporte de bolsas de sangue como material sanitario, sendo valorados os equipos polas probas de voo, a inspección técnica da aeronave e a enxeñaría detrás do deseño. “Será o primeiro equipo galego en participar nesta competición e un dos tan só catro españois que competirán”, sinalan os membros de UVigo Aerotech.

Sinais de identidade da nave

Nos primeiros meses do curso 2020/2021, explican desde o equipo ourensán, “desenvolveuse o deseño da aeronave, onde as e os estudantes puideron pór en práctica os coñecementos adquiridos nun proxecto real”. A esta etapa inicial, indican, seguíronlle a fabricación e finalmente a ensamblaxe de toda a aeronave, as cales tiveron lugar no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo, completando os tres escenarios de traballo marcados polo equipo para esta tempada. Sobre o modelo resultante detallan que durante a etapa de fabricación utilizáronse materiais compostos como a fibra de carbono, “actualmente imprescindible no sector aeronáutico”, xunto con impresión 3D de pezas en colaboración coa Área de Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo.

“Algúns dos sinais de identidade da aeronave CORV-0 na competición serán as súas prestacións, entre as que destacan o deseño aerodinámico propio optimizado para a competición, o deseño das superficies de control ou a estrutura fabricada en fibra de carbono, realizados polos membros do equipo”, comentan os seus responsables. A próxima tempada comezarán as probas de voo, “de grande importancia de cara a preparar a aeronave para a Air Cargo Challenge”.

Esforzo conxunto

A historia de UVigo Aerotech comezou a principios de 2020 co apoio do profesor Guillermo Rey e cunha primeira tempada que rematou co deseño do AZOR-0, unha aeronave de máis de catro metros de envergadura e capaz de levantar ata 12 quilos. Coa experiencia deste precedente e co horizonte de xullo de 2022, o equipo traballou este curso académico no deseño, fabricación e construción do primeiro prototipo. O alumnado realiza o seu traballo dividido en cinco departamentos co obxectivo de “cubrir todas as necesidades do proxecto de forma organizada”. Estes departamentos son Electrónica e Control (no que se implementan os circuítos do aeromodelo e se elixe tanto o hardware como o controlador empregados); Propulsión e Dinámica (que se ocupa do deseño, mantemento e ensamblaxe do motor, ademais do deseño e fabricación do tren de aterraxe); Aerodinámica (que abrangue o deseño e fabricación dos elementos aerodinámicos do modelo que permiten levantar a carga de pago necesaria); Estruturas (que estuda as necesidades estruturais do modelo e encárgase da fabricación) e Organización e Márketing  (que se dedica á organización interna e xestiona as redes sociais e a representación do equipo).

No desenvolvemento desta iniciativa desde UVigo Aerotech fan fincapé no seu agradecemento a todas as entidades públicas e privadas que colaboran co equipo. O proxecto, comentan, non sería posible sen o apoio das empresas e entidades patrocinadoras, como son Coasa, Utingal, Gurit, Europrecis, Mecadis, Marine Instruments, a Axencia Galega de Innovación e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. “A súa colaboración e respaldo fixeron realidade o prototipo que un día imaxinamos e agora podemos presentar”, afirman.