DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto MC^2ML conta con financiamento estatal e participación internacional

Un equipo liderado desde a UVigo traballa nunha ferramenta computacional para coñecer como interactúan as comunidades microbianas en feridas infectadas

Céntrase na aplicación de técnicas de intelixencia artificial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 28/11/2025

Un equipo do Departamento de Informática da Universidade de Vigo está a desenvolver o proxecto Computación Multiescala de Comunidades Microbianas Impulsada por Aprendizaxe Automática (MC^2ML). Nel aplican os últimos avances en intelixencia artificial, concretamente en aprendizaxe automática e aprendizaxe profunda, para desenvolver ferramentas que permitan profundar no coñecemento de como interactúan as comunidades microbianas nas feridas crónicas. 

O proxecto está financiado polo Programa de Generación de Conocimiento 2023, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e fondos Feder da Unión Europea. Desenvólvese desde setembro de 2024 ata agosto de 2027. Está liderado desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense polos membros do Departamento de Informática da Universidade de Vigo Anália Maria Garcia Lourenço, Eva Lorenzo Iglesias, María Lourdes Borrajo, Adrián Seara Vieira e Florentino Fernández Riverola. Ademais, conta co apoio de Nuno F. Azevedo e Darla Marie Goeres, do Laboratory for Process Engineering, Environment, Biotechnology and Energy da Universidade de Porto (Portugal), e de Matthew Fields e Albert Parker, do Center of Biofilm Engineering, da Montana State University. 

A iniciativa xorde froito da colaboración de máis de 15 anos existente entre o equipo da Escola Superior de Enxeñaría Informática e o de Nuno F. Azevedo no ámbito do estudo computacional de comunidades microbianas de interese médico e biotecnolóxico. Ademais, enmárcase na liña de investigación do grupo da UVigo centrada na aplicación da intelixencia artificial ao ámbito da saúde. 

Simulación 3D multiescala

A hipótese de partida do proxecto MC^2ML, explican desde a súa organización, “é que a simulación 3D multiescala, impulsada por machine learning (aprendizaxe automática), permite obter unha visión máis profunda da interacción das comunidades microbianas nunha infección”. Concretamente, o equipo que desenvolve o proxecto centra o seu traballo no modelado baseado en axentes e a aplicación de machine learning e deep learning (aprendizaxe profunda) á reconstrución e simulación de ditos modelos. 

“O marco de simulación proposto é unha contribución novidosa que vai a encher o baleiro actual de ferramentas computacionais equipadas para unha observación en detalle das comunidades microbianas, en particular o papel central da bioxeografía e a ecoloxía no desenvolvemento dunha infección”, sinala o equipo investigador. Os resultados do proxecto, engaden desde MC^2ML, serán resultados experimentais sobre o caso de estudo, que é de feridas crónicas, e recursos e ferramentas computacionais extensibles a outros escenarios clínicos de interese, que se farán públicas seguindo os principios FAIR (siglas en inglés que corresponden a encontrable, accesible, interoperable e reutilizable).

Este xoves as e os investigadores que participan en MC^2ML celebraron unha xuntanza do proxecto na Escola Superior de Enxeñaría Informática e posteriormente compartiron unha sesión con alumnado de grao e mestrado en Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática na que expuxeron diferentes partes do proxecto e os seus avances.