DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun total de 47 licenzas entre PDI, PAS, alumnado e persoal alleo

O equipo de orientación da UVigo afronta o final de tempada con boas sensacións

Os podios máis significativos foron acadados polas mulleres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Deportes
María Álvarez DUVI 25/10/2021

A pesar de que a pandemia supuxo un parón xeneralizado en moitas actividades deportivas no curso pasado, as competicións de orientación seguiron adiante. Agora o equipo da Universidade de Vigo continúa a prepararse para encarar a última proba da tempada 2021 e, deste xeito, cumprir un dos obxectivos que se propuxeron ao principio deste ano, “acudir ao máximo de probas posibles, tanto autonómicas como nacionais”. Así o explica José Luis Armada, responsable do equipo, que destaca esta como “a prioridade principal para nós”. 

O coronavirus non permitiu que os membros do equipo puideran adestrar en grupo, xa que dende o confinamento, cada un ten que facer os seus exercicios só, sen a compañía que noutros anos tiñan mentres percorrían os montes da comarca practicando en tres das catro modalidades da Federación Galega de Orientación (Fegado). Os membros do club son en total 47 persoas, entre as que hai persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, alumnado e persoal alleo. Os resultados máis significativos ao longo da tempada foron acadados polas mulleres, que conseguiron facerse con varios podios tanto a nivel nacional, como a nivel autonómico.

As modalidades OPé, MTB e Raid, as favoritas do equipo da UVigo 

O equipo da UVigo participa en tres modalidades de orientación. Por unha banda OPé, a disciplina máis antiga e a máis practicada mundialmente, que consiste en completar o circuíto a pé pasando polos puntos marcados no mapa no menor tempo posible e coa axuda dun compás. A outra disciplina é MTB, na que o percorrido ten que facerse en bicicleta e a terceira, e última, é o Raid de aventura, proba na que se combinan as disciplinas a pé, en bicicleta, kaiak, etc.

Grandes resultados na última proba disputada en Xinzo de Limia

Esta fin de semana o equipo da UVigo competiu en Monte Grande (Xinzo de Limia) nunha das probas da Liga Galega de Orientación a pé e na segunda proba da Liga Interrexional Galicia-Norte de Portugal. Os integrantes do equipo da Universidade de Vigo, superando percorridos de ata dez quilómetros, conseguiron acadar catro podios nunha proba que transcorreu por “terreos cun relevo relativamente suave, nunha carreira que oscilaba entre os 975 e 1075 metros de altitude”, como explica o responsable do equipo, José Luis Armada.  Begoña Crespo conseguiu a prata e Oli Álvarez rematou no oitavo lugar na F-45, así mesmo, Diego Pérez tamén subiu ao segundo caixón do podio na M-16 e, na M-45, Germán Pérez e J. Luis Armada acadaron, respectivamente, o segundo e o terceiro posto. Ana Iglesias rematou no quinto posto na categoría F-40 e Vicente Pastoriza conseguiu cruzar a liña de meta no sétimo lugar.

A seguinte cita será a próxima fin de semana, cando disputarán o XXVI Trofeo de los Países Latinos en Jerez de los Caballeros (Badajoz), ao que, segundo o responsable do equipo José Luis Armada, “chegan con moi boas sensacións”. Con esta proba rematará a temporada para o equipo universitario.

20 anos competindo en orientación

A UVigo leva dende o 2001 participando nestas competicións deportivas, sendo ademais un dos clubs fundadores da Federación Galega de Orientación. Ao longo destes 20 anos, nos que este deporte se foi popularizando, o equipo da Universidade organizou 18 probas da Liga Galega e dous Campionatos de España. Así mesmo, son tamén responsables da creación de oito planos de orientación, tanto na contorna do campus de Vigo, como na súa bisbarra e en Ourense e Baiona.