DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ourensáns gañaron o domingo 48-14 a Avia Eibar RT

O equipo de rugby remata a primeira quenda da liga entre os seis primeiros

Acadan así o obxectivo marcado ao inicio da tempada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 01/03/2021

Cando comezou a liga 2020/2021, o Campus Universitario Ourense Rugby Club marcouse como obxectivo principal rematar a primeira fase da competición entre os seis primeiros equipos e poder disputar así a segunda quenda con eles. Este domingo, os ourensáns acadaron este obxectivo despois de gañar na casa a Avia Eibar RT e situarse sextos do seu grupo na División de Honra B do rugby estatal.

Foi, indican desde o club, “un bo partido e unha merecida vitoria”. Segundo explican, a priori, o partido amosábase complicado pola necesidade de gañar e alcanzar a sexta praza, xa que estaban sétimos de grupo. Finalmente, o encontro, disputado nas instalacións universitarias do campus saldouse cunha vitoria por 48-14 para os ourensáns, que suman no que vai de tempada cinco vitorias e seis derrotas. “Pese a todos os problemas xerados pola pandemia e, ademais, á cantidade de lesionados de longa duración e baixas que tivemos desde o principio, o equipo demostrou que o traballo deu os seus froitos”, subliñan desde o Campus Universitario Ourense Rugby Club.

Desde o equipo destacan como “todos os xogadores, equipo técnico, directiva, patrocinadores, voluntarios e afección demostraron o seu compromiso e traballo a pesar de todos os inconvenientes e situacións complicadas que se viñeron desenvolvendo desde marzo do ano pasado”. Agora, engaden, “chega a segunda parte da competición na que os seis primeiros compiten entre eles. É unha boa recompensa para poder seguir mantendo o rugby galego onde lle corresponde e poder seguir avanzando e progresando”.