En Fri-Housing participan dez universidades españolas e unha lusa
Un equipo da UVigo participa nun proxecto estatal que busca favorecer contornas e vivendas amables para persoas con diversidade intelectual
O obxectivo é facilitar a accesibilidade, emancipación e independencia residencial deste colectivo
Un equipo da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense está a participar no proxecto estatal Fri-Housing. Nel, búscase desenvolver unha ferramenta para analizar os modelos de vivendas e contornas habitacionais amables para persoas con discapacidade intelectual dispoñibles en cada territorio e fomentar a existencia destes modelos.
A iniciativa está liderada pola Universidad Pablo de Olavide (Sevilla) e a Universidad de Jaén, coa dirección de Rosa María Díaz e Yolanda de la Fuente, e conta cun equipo multidisciplinar de distintas áreas, como son o traballo e servizos sociais, psicoloxía, urbanismo e ordenación do territorio, estatística, arquitectura e socioloxía. Nela participa persoal investigador e en formación de dez universidades españolas e do Instituto Universitario de Lisboa; entidades colaboradoras e organizacións sociais vinculadas ao colectivo de persoas con diversidade intelectual. “Dispor de contornas e vivendas amables para persoas con discapacidade intelectual é un reto profesional e persoal que abordamos con paixón”, sinalan desde a organización.
Por parte da Universidade de Vigo, participan desde a Facultade de Educación e Traballo Social Rubén González, Paula Frieiro e Breogán Riobóo, do Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (GEts-it), e Mónica Rodríguez, de Psicoloxía da Educación e Desenvolvemento. Este proxecto dá continuidade a outras investigacións na que este equipo ten abordado aspectos que vinculan a saúde e a discapacidade coa análise dos factores sociais determinantes ou asociados.
Catro fases
O proxecto contempla catro fases. A primeira é de diagnose da situación actual, de actores clave, de alternativas residencias e de dimensións analíticas, e a segunda é de desenvolvemento conceptual dun modelo de vivenda amable a partir da participación dos actores vinculados e identificados anteriormente. “Isto permitirá explorar as súas expectativas e percepcións sobre a vivenda axeitada e amable”, sinalan. Nunha terceira fase, de validación, realizarase “unha mostraxe por territorios e alternativas residenciais para implantar o prototipo e validalo”. Por último, farase a difusión e posta en marcha do modelo, pondo en marcha unha aplicación chamada Fri-Housing Digital System. Neste marco de traballo, o equipo da UVigo realizará a recollida de datos de Galicia, ao tempo que desenvolverán a implementación neste territorio das propostas derivadas da propia investigación, contando para iso coa colaboración de diferentes entidades, entre elas, da Asociación en favor das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra.
Trátase dun proxecto, indican desde a súa organización, cun enfoque multidisciplinario (incluíndo vivenda, urbanismo e desenvolvemento comunitario) que quere facilitar a accesibilidade, a emancipación e independencia residencial das persoas con discapacidade intelectual. “En resumo, é moito máis que lograr unha vivenda adaptada, é aumentar a súa autonomía en todos os niveis”, afirman desde Fri-Housing.
O proxecto Fri-Housing (Friendly housing) Contornas inclusivas e sostibles para persoas con discapacidade intelectual. Diagnóstico e avaliación de indicadores para a identificación de ‘viviendas amables’, está financiado pola Agencia Estatal de Investigación, o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder).